Pontón ve o PP “ao bordo dun ataque de nervios”

A portavoz nacionalista sitúa o BNG como a forza con máis proxección” para as eleccións do 5-A.

 

Goretti Sanmartín Ana Pontón e Néstor Reho foto de @icainzos93
photo_camera Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Néstor Rego (@icainzos93)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o Partido Popular está “ao bordo dun ataque de nervios” a teor das críticas e ataques do PP ao nacionalismo polo acordo atinxido co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. Pontón considera que ese acordo “evidencia” a “incapacidade política” do PP nestes anos, que embora estar na Xunta e no Goberno español non foi quen de fechar compromisos para Galiza. En palabras de Ana Pontón, Núñez Feixoo ficou "co cu ao aire", porque "fixo máis o BNG nun mes" que o seu Goberno "en 10 anos".

Un só deputado do BNG no Congreso, preseguiu, “reverte” esa “irrelevancia” da Galiza na que, sostén, a mantiñan as forzas estatais. Néstor Rego, parlamentar do BNG na Cámara española, cualificou como “satisfactorio” o acordo de investidura pois recolle compromisos e medidas beneficiosas para o país, indicando que o BNG céntrase agora no traballo de que eses compromisos sexan realidade.

A portavoz nacionalista considera que o Bloque é a forza que ten “máis proxección” de cara ás eleccións galegas do 5-A. A respecto da proposta de Gonzalo Caballero dun debate “cara a cara” con Núñez Feixoo, Pontón considera que “mal comezamos se limitamos o pluralismo político” e defendeu que “debate si, mais plural”.

Nun almorzo informativo con medios de comunicación no que tamén participaron Néstor Rego, e a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Pontón enmarcou a decisión de Feixoo chamar ás urnas antes do previsto a que o líder do PPdeG  "sabe que o seu tempo político acabou e está desesperado pensando que un adianto electoral pode salvar o seu Goberno".

Comentarios