Concellos pola igualdade

Pontón sitúa o BNG como a opción capaz de lograr un cambio real nos concellos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou as galegas e galegos a mobilizarse co voto a prol do BNG e sinalou a fronte nacionalista como a opción capaz de conseguir un cambio real nos concellos, poñendo como exemplo o modelo desenvolvido nas localidades en que actualmente goberna.

Ferrol
photo_camera Ana Pontón e Iván Rivas en Ferrol

Ferrol acolleu esta mañá un encontro de campaña da portavoz nacional do BNG; Ana Pontón e o candidato á alcaldía desta cidade, o actual concelleiro Iván Rivas. Pontón realizou un chamamento “a todas as persoas que queren cambios transformadores” para que se mobilicen masivamente co voto o 26M en favor do BNG, formación da que salientou o seu proxecto para os concellos como “sólido e de futuro, pensado desde Galiza”. Apoiouse para isto no exemplo das localidades en que xa goberna como modelo de que fan “as cousas ben, tendo capacidade para sacar o mellor dos concellos”.

Pontón reivindicou o BNG como “alternativa segura para todas as persoas inconformistas que queren concellos dinámicos e comprometidos co galego, co comercio local, co feminismo e con mellorar a vida das persoas”

No inicio da última semana de campaña, Ana Pontón chamou as galegas e galegos a non resignarse “nin co vello bipartidismo nin con esas fórmulas que nos dixeron que viñan cambialo todo pero non foron capaces de xestionar o día a día”, asegurou en relación aos chamados goberno da nova política, e reivindicou o BNG como “alternativa segura para todas as persoas inconformistas que queren concellos dinámicos e comprometidos co galego, co comercio local, co feminismo e con mellorar a vida das persoas”.

O BNG aparece á alza nos últimos estudos e inquéritos publicados. Nese sentido. Pontón chamou a transformar esa “corrente de simpatía en votos para construír un país mellor tamén desde os concellos”.

Sobre a cidade de Ferrol, desde o Bloque considérana unha urbe “cun enorme potencial” que padece a “ineficacia” dos últimos gobernos municipais “que non foron capaces de poñer en marcha un proxecto transformador que mudase o pesimismo en ilusión e en futuro”, indicou Pontón.

A aposta da formación nacionalista en Ferrol é o candidato Iván Rivas, de quen Pontón sinalou ter un proxecto claro, un equipo sólido e “aposta segura para todas as persoas que neste momento están decepcionadas co que pasou”.

NarónConcellos feministas e cláusulas de igualdade no emprego público

Esta segunda feira o BNG centrou a campaña en Ferrol, comprometéndose a construír concellos feministas onde pular pola igualdade cunha aposta para acabar coa discriminación das mulleres no acceso ao emprego, para loitar por unha sociedade máis igualitaria e facer dos concellos un axente máis de loita contra a violencia machista, porque, segundo salientou Pontón, “no actual contexto de involución, non podemos dar nin un paso atrás.

Nese sentido, desde o Bloque propoñen a creación de cláusulas de igualdade no acceso ao emprego público, penalizar as empresas que discriminan as mulleres e promover a conciliación familiar e laboral. A ese respecto, a portavoz nacional afirmou que non se poden usar recursos públicos para financiar ningunha actuación que vaia contra os dereitos e as liberdades das mulleres ou que perpetúe discriminacións laborais.

Pontón defende os servizos sociais como un dereito universal e "unha cuestión directamente relacionada con ter unha vida digna”.

O BNG comprométese a desenvolver políticas de inclusión social para garantir vida digna

Após o encontro en Ferrol, Pontón mantivo un encontro con representantes de diversas asociacións do tecido asociativo de Narón e a candidata nacionalista á alcaldía deste municipio, Olaia Ledo. Durante o desenvolvemento do acto, ambas comprometéronse a pór en marcha políticas municipais de inclusión social “a través de actuacións nas que se traballe por lograr que todas as persoas teñan unha vida digna con independencia das súas condicións económicas, físicas ou de calquera outra índole”, afirmou Pontón; para quen os servizos sociais “deben ser entendidos como un dereito universal, unha cuestión directamente relacionada con ter unha vida digna”.

Comentarios