Pontón propón un protocolo de seguridade nas visitas a residencias

O BNG propón medidas para garantir a seguranza nas visitas a residencias que a fase 2 xa permite. Pontón anuncia ademais que promoverá "unha comisión de investigación para detectar fallos, corrixilos e para traballar "nun modelo público do coidado de maiores que garanta unha vellez digna".
Ana Pontón, voceira nacional e candidata do BNG.
photo_camera Ana Pontón, voceira nacional e candidata do BNG, nunha rolda de prensa telemática (Imaxe: Nós Diario)

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediu "as máximas garantías sanitarias" e un protocolo de actuación ante o feito de que, coa fase 2 do desconfinamento, xa se permitan visitas a residencias de persoas maiores.

Nese sentido, a líder nacionalista instou en rolda de prensa esta segunda feira, 25 de maio, a "extremar as medidas de prevención pondo en marcha un plan de inspección extraordinario para garantir que as visitas cumpran un protocolo en aras da seguridade das persoas maiores e para evitar contaxios”, salientou. A ese respecto, o Bloque presentou medidas para garantir que haxa unha inspección previa dos centros, control da temperatura a todas as persoas antes de acceder á residencia, garantía de hixiene de mans e uso de máscaras, sistema de cita previa limitando o número máximo de persoas en cada visita e intensificar a limpeza e a desinfección posterior ás visitas.

Ademais destas cuestións que Pontón marcou para "o inmediato", formulou tamén propostas a medio prazo, "tendo en conta que os centros de maiores foron o burato negro da xestión da pandemia, como demostra que case a metade das mortes por coronavirus afectaron a persoas usuarias de residencias". De facto, segundo anunciou Pontón, a primeira iniciativa parlamentaria do Bloque logo das eleccións do 12 de xullo será impulsar unha comisión de investigación para detectar fallos, corrixilos e para traballar "nun modelo público do coidado de maiores que garanta unha vellez digna".

"Feixóo ten que asumir que cometeron graves erros á hora de conter a COVID-19 nas residencias de maiores e asumir responsabilidades, erros que tiveron consecuencias dramáticas en falecementos e contaxios, porque non houbo prevención, anticipación, nin se contou co necesario material de protección”, argumentou a portavoz nacional do BNG. A ese respecto, Pontón salientou que a Galiza ten 384.198 persoas entre 70 e 85 anos, só 20.000 son usuarias dunha residencia, "mais este colectivo soportou o 45% de mortes", dixo.

A líder nacionalista tamén salientou que das 223 residencias só 24 son de xestión pública, "cifra que por si sola achega moita luz sobre o sucedido", e sinalou que Feixoo "non construíu ningunha das sete residencias que prometera pórr en marcha nas grandes cidades".

Hai que deixar atrás o modelo privatizado imposto polo PP coas dramáticas consecuencias que esta crise puxo de manifesto e rescatar as residencias de maiores para o público, para garantir o dereito a unha atención digna na vellez”, indicou Pontón, “é o menos que lle debemos ás vítimas e as súas familias”.
 

Financiamento

Ana Pontón apelou tamén á urxencia de estabelecer "criterios xustos para que Galiza non saia prexudicada no reparto do fondo de 16.000 millóns de euros previsto polo Goberno estatal para as comunidades", ao considerar que os criterios do reparto exclúen Galiza.  

Os actuais criterios suporían un agravio para este país ante dous grandes territorios beneficiados, Madrid e Catalunya", dixo, e chamou a levar a cavo "unha distribución dos fondos clara, xusta e equitativa”. Entre eses criterios, o Bloque considera que deben figurar a dispersión da poboación, o envellecemento da poboación e os índices de dependencia dos habitantes en cada territorio.

Comentarios