Pontón propón levar ao TC o novo veto da Moncloa á transferencia da AP9

O BNG pide unha reunión urxente da xunta de portavoces do Pazo do Hórreo para consensuar unha posición conxunta perante o que xulga como un "menosprezo" ás galegas e aos galegos.

DSC_0030 (1)
photo_camera Ana Pontón

Nunha conferencia de imprensa, a portavoz do grupo parlamentar do BNG avanzou as dúas propostas que trasladarán ao órgao de goberno da Cámara. 

A primeira, realizar unha declaración institucional de reprobación do presidente do Goberno español e da presidenta do Congreso dos Deputados por vetaren por segunda vez a tramitación dunha proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento galego. "É o mínimo que se pode facer en defensa da dignidade do Parlamento e deste país", dixo.

A segunda proposta é que o Parlamento galego apresente un recurso ante o Tribunal Constitucional contra o segundo veto da Moncloa á transferencia. Se o BNG non obter o apoio do PP, a formación nacionalista irá ao TC pola súa conta.

Pontón cuestiona tamén o informe económico sobre o que se baseou o Estado para vetar a transferencia e atribuíulle "falta de rigor". En todo caso, a portavoz nacionalista puxo en destaque que, segundo ese documento, o valor actual da autoestrada sería de 4.400 millóns de euros, cando, recordou Pontón, o Goberno Aznar a privatizara [venda ao grupo norteamericano Citigroup] por apenas 1.000 millóns. 

Isto implicaría un agasallo por parte do que baptizou como "o tridente do PP" [por Aznar, Rajoy e Feijóo] de 3.400 millóns de euros á empresa concesionaria, denunciou Pontón, quen dixo que este asunto merecería unha célere intervención do Tribunal de Contas para fiscalizar unha operación de "má venda" dunha infraestrutura pública.

O argumento economicista que oferece o Goberno español para xustificar o seu veto -que o impacto do resgate resultaría nun gasto non orzamentado polo Congreso- non se tería de pé, a xuízo de Pontón, sendo que o Estado si dispuxo de cuantiosos recursos para resgatar as radiais madrileñas.

"Galiza, desaparecida"

Pontón partillou cos meios a súa reflexión sobre o facto de a noticia do veto non se coñecer até onte cando a comunicación formal da Moncloa á Mesa do Congreso se produciu o pasado 5 de setembro. Que nengún parlamentar galego dos grupos representados no órgao de goberno da cámara -PP, PSOE, o grupo confederal de Unidos Podemos e as súas confluencias- alertase sobre este asunto mostra até que ponto Galiza como país está "desaparecida". "Podo asegurar que se o BNG estivese no Congreso isto non pasaría”, dixo.

Comentarios