Pontón, Miranda e Seara

Pontón pide o voto para o proxecto serio e solvente do BNG en Ourense

Nun ateigado Teatro Principal de Ourense, Ana Pontón chamou a votar BNG para entrar con forza no concello como aposta por un cambio real a favor das persoas.

Miranda, Seara, Pontón
photo_camera Miranda, Seara, Pontón

No concorrido mitin do Bloque Nacionalista Galego en Ourense, Ana Pontón pediu o voto para o candidato á alcaldía, Luís Seara, porque “é a única garantía do cambio real que precisa Ourense” e chamou a superar os “anos perdidos do desgoberno e da total incompetencia do PP e da oposición”.

A portavoz nacional do BNG remarcou que a súa formación conta cun gran candidato e equipo e un proxecto serio e solvente “para transformar esta cidade en positivo, a favor das persoas”.  Convidou Pontón, ante un entregado público, a “concentrar todo o voto de país e todo o voto inconformista no BNG para abrir un novo rumbo porque sabemos que outro Ourense é posíbel”.

A portavoz nacional do BNG remarcou que a súa formación conta cun gran candidato e equipo e un proxecto serio e solvente

Pontón presumiu dun BNG á alza (segundo a evolución de voto e os inquéritos) e amosouse convencida de que a maioría da poboación galega vai apostar por “pasar a páxina dun PP que demostrou non ter nada que achegar á cidade” e tamén para responder nas urnas a unha oposición que actuou “desnortada”.

Desde Ourense, Pontón ofreceu un modelo municipal “que funciona nas vilas e cidades que goberna o Bloque”

Desde Ourense, Pontón ofreceu un modelo municipal “que funciona nas vilas e cidades que goberna o Bloque” e engadiu que ese proxecto caracterízase por construír calidade de vida, rendabilizar cada euro, practicar a democracia participativa e erguer municipios feministas. Así mesmo afirmou que alá onde o BNG goberna “aplicamos política social, practicamos un urbanismo para as persoas, fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e cultura”. Nese sentido, puxo os exemplos de Allariz e Pontevedra, no ámbito rural e no ámbito urbano. “Ese é o modelo BNG para os concellos. Aí están os feitos”, proclamou.

Luís Seara: “este período foi o peor goberno da historia de Ourense”

O candidato nacionalista á alcaldía de Ourense criticou o goberno municipal por non ser capaz de aprobar nin un só orzamento en catro anos nin de sacar a licitación “algunha das concesión administrativas, case todas caducadas e en precario”.

Seara chamou a concentrar o voto no BNG como garantía de futuro para Ourense

Seara chamou a concentrar o voto no BNG como garantía de futuro para Ourense e puxo en valora historia do Bloque na localidade como formación determinante nos debates de maior relevancia política e social que se teñen dado “nos últimos trinta anos”.

Ana Miranda comprométese a seguir traballando contra o abandono do rural e a falla de infraestruturas

A eurodeputada Ana Miranda, que lidera novamente a candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, denunciou o problema do abandono do rural e de falla de infraestruturas que o interior galego padece. Nese sentido, Miranda reclamou que os futuros fondos de cohesión teñan en conta a situación de dispersión e abandono poboacional así como e a falta de servizos sociais.

Durante a súa intervención no mitin, Miranda afirmou que o aumento do 5% dos fondos FEDER, grazas ao criterio demográfico introducido polo grupo Verdes-ALE no que se integra o BNG na eurocámara, pode servir para a creación de prazas públicas en centros para a terceira idade, para persoas con discapacidades ou con problemas de mobilidade”, salientou Ana Miranda. Segundo manifestou, esta medida permitirá fomentar a conciliación e a creación de postos de traballo.

Así mesmo, a eurodeputada defendeu a mellora da calidade da auga e o saneamento integral dos ríos como unha das preocupacións centrais do seu traballo no Parlamento Europeo. “A calidade da auga é moi preocupante porque nin en Ourense nin en toda Galiza se está cumprindo a Directiva Marco da Auga” e explicou que é de obrigado cumprimento para as administracións galegas, tanto locais como autonómica.

Comentarios