Pontón pide á mocidade que “aposte por ter voz propia en Madrid da man do BNG”

A líder nacionalista e Néstor Rego, o cabeza de lista pola Coruña, comparten un café-tertulia no campus de Compostela e comprometen sumar no Congreso para derrogar as contrarreformas laborais e facilitar o acceso á vivenda.
Ana Pontón e Néstor Rego na USC esta segunda feira
photo_camera Ana Pontón e Néstor Rego, na USC esta terza feira.

Emprego e vivenda son dous dos problemas que máis preocupan a mozas e mozos, e así o expresaron de novo esta terza feira en Compostela nun encontro que Ana Pontón e Néstor Rego mantiveron con estudantes no campus. 

“Abordamos moitas cuestións como o fracaso que supón ver a unha xeración de xente nova ben formada convencida de que vai ter peores condicións económicas e salariais, peor nivel de vida que os seus pais e nais. Falamos da precariedade, do elevado custe da vivenda en aluguer, da sangría da emigración por falta de alternativas e todo isto nun país coa maior crise demográfica da nosa historia”, recalcou Pontón, quen animou a mocidade galega a se implicar nas urnas co seu futuro.

“O 10-N teñen a oportunidade de facer algo diferente na Galiza apostando polo BNG. Imos  defender un futuro digno para a mocidade galega e temos que conseguir que esa mocidade se implique, que participe e que non renuncie os seus soños e iso tamén pasa por ter voz propia no Congreso como mellor garantía de que as súas demandas formarán parte do debate”. Neste sentido, a líder nacionalista comprometeuse a que o BNG utilizará o apoio da xente nova para derrogar as contrarreformas laborais do PP e do PSOE, “que seguen en vigor pese a que agudiza a precariedade”, e tamén para adoptar medidas que incidan no prezo da vivenda en aluguer atrasando, cando non impedindo, a emancipación da mocidade.

A idade media de emancipación en países como Suecia ou Dinamarca é aos 21 anos, no conxunto da UE o 30% da xente moza marcha da casa dos país antes dos 24 anos e no Estado español esa porcentaxe baixa ao 8%. “Dentro do Estado, Galiza é a terceira comunidade pola cola, o que significa que temos problemas específicos”, subliñou o BNG.

Comentarios