Pontón pide a intervención pública en Barreras para garantir a súa viabilidade

A portavoz nacional nacionalista e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron unha xuntanza cunha representación dos traballadores para abordar a situación da empresa.

photo_camera

O BNG pide ao presidente da Xunta que deixe de ser un “convidado de pedra” e que se implique na procura dunha “solución de futuro” para Barreras, “tendo en conta a condición de estaleiro emblemático na ría de Vigo, e sendo o naval un sector estratéxico tanto para a cidade e comarca como para o conxunto de Galiza”. Por iso, a formación nacionalista propón a intervención pública de Barreras “para evitar que quede ao pairo das loitas de poder do accionariado e traballar desde ese control nunha solución que garanta a súa viabilidade”.

Así llo transmitiron a portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal en Vigo, Xavier Pérez Igrexas, nun encontro en Vigo cunha representación do comité de empresa do estaleiro.

Pontón explicou que a proposta do BNG “é que a Xunta se faga con control accionarial do estaleiro para, desde aí, buscar unha solución de futuro”.  O BNG tamén formula dúas propostas concretas: recuperar a mesa do sector naval, “pois urxe unha política industrial e unha aposta estratéxica por un sector no que temos capacidade para producir e ser competitivos”, e acadar unha tarifa eléctrica galega : “Non ten que haber precariedade laboral cando poderíamos competir reducindo os custes enerxéticos cunha tarifa eléctrica galega”, salientou Pontón.

.Pola súa parte, Pérez Igrexas apuntou que “non podemos permitir o escenario do feche de Barreras porque na práctica suporía ameazar a continuidade do propio sector naval na Ría de Vigo”.

Comentarios