Actos do Día da Patria 2018

Galiza Nova fai 30 anos e Pontón anímaa a ser "o motor do cambio"

Galiza Nova —a organización xuvenil do BNG— botou a andar un 24X de 1988. Este día fai por tanto 3 décadas de existencia. E celebrou o seu cumpreanos cun acto público moi concorrido e cunha encomenda, a que lle fixo unha ex militante, a actual portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A encomenda de se tornaren no "motor do cambio que o país precisa".

ana ponto
photo_camera Ana Pontón, durante o seu discurso

No plano afectivo Galiza Nova significa moito para Ana Pontón. Foi a súa escola política. E nótase ben en cada acto en que coparticipa coas mozas e os mozos do BNG. Este 24X, a líder do Bloque tomou parte na xa tradicional homenaxe que no Parque de San Domingos de Bonaval tributa a formación xuvenil soberanista aos dous símbolos nacionais por excelencia, Rosalía e Castelo, dentro da programación de actos do Día da Patria Galega. Pontón aproveitou o evento para lles facer un encargo aos mozos e mozas da súa organización: "Anímovos a ser o motor dun novo tempo político que o BGN quere liderar, un tempo novo que nos permita conquistar dereitos, con igualdade, con emprego digno, unha Galiza feminista e sen emigración"-

"Todo é imposíbel até que se fai", díxolles Pontón, unha clara chiscadela ao legado de Nelson Mandela, de quen este ano tamén se comemora un aniversario, no seu caso o centenario do seu nacimento. É posíbel facelo, engadiu. Facer que? Pois avanzar cara á materialización dunha mudanza no país, mudanza que só pode chegar se se sumar "máis xente moza ao proxecto nacionalista", dixo a líder do Bloque.

GN

"Estamos nun momento para sermos optimistas, para sumarmos máis mocidade por Galiza e sermos o catalizador do cambio que necesita ese país", engadiu. A mudanza só pode vir da man do nacionalismo, esclareceu Pontón. As forzas estatais —quer as novas quer as vellas, sexan de dereitas ou de esquerdas— non terían, estendeuse a portavoz nacional do BNG, un "proxecto de futuro para Galiza". E é máis: tampouco terían "nada que oferecerlle á xente deste país".

A Ana Pontón máis nova

Tirou do faiado das súas lembranzas xuvenís a portavoz nacional do Bloque e no seu discurso evocou os seus anos como integrante da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, a súa participación no movimento Nunca Máis e no Non á Guerra, as súas tarefas na posta en andamento do Festigal. Desde a súa experiencia, dirixiuse nestes termos á actual militancia da organización moza do BNG: "Sei que vos toca vivir unha época complexa, chea de inestabilidade e confusión. Mais hoxe igual que onte, o importante é ter principios sólidos e ideas claras. E aínda que ás veces é custoso nadar contracorrente, merece a pena facelo. Non hai nada máis ilusionante que defender as ideas nas que unha acredita".

E se se trata de nadar contra-corrente, moito mellor facelo o máis acompañado posíbel, argumentou Pontón. "O reto máis importante que temos por diante é sumar máis mocidade ao nacionalismo", dixo, ao tempo que convidou á rapazada de Galiza Nova a non renunciar nunca aos principios e aos ideais, mais sempre "coa pedagoxía necesaria para avanzar".

Vista emocionada atrás

alberteNo acto —de grande carga emotiva ao ser o repaso de 30 anos de traxectoria, unha historia moza para unha organización moza— tomaron a palabra os ex líderes da formación xuvenil Xosé Emilio Vicente, Iria Aboi, e Alberte Mera, ben como o actual máximo dirixente, Alberte Fernández, quen salientou que "30 anos implican unha enorme cantidade de xente que decidiu poñer ao servizo da liberación nacional a parte máis importante das súas vidas: a súa mocidade".

Fernández puxo en valor unha das características das mocidades do BNG, a súa condición de canteira de dirixentes soberanistas: "A xente que pasou por Galiza Nova e que foron no seu momento referentes do movemento nacionalista xuvenil sono agora do nacionalismo no seu conxunto". 

As fotos que acompañan esta información están tiradas de @obloque e @galizanova

Comentarios