Pontón pide a Feixoo e Sánchez “que deixen de esconderse” e interveñan Alcoa

A portavoz do BNG incide en San Cibrao que "a solución" é nacionalizar Alcoa.

Ana Pontón Alcoa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou esta segunda feira en San Cibrao (Cervo) que "a solución" para Alcoa, cuxa dirección pretende pechar a planta de aluminio da Mariña, é "a nacionalización".

Despois de trasladar o apoio da formación aos traballadores da fábrica, xunto cunha delegación do Bloque, Pontón insistiu en que "a solución" para manter o emprego é "a intervención pública".

En declaracións aos xornalistas durante a visita, criticou a multinacional por mostrar unha "folla de ruta moi clara", para pechar a factoría "única e exclusivamente por decisións empresariais".

Ante isto, instou aos gobernos galego e español a "estar á altura", posto que "teñen na súa man" o mantemento dos postos de traballo e a actividade.

"A solución é moi clara, como defendeu o BNG nos últimos meses: unha intervención pública, unha nacionalización, que garanta que as cubas non pechan e que a comarca vai seguir tendo futuro", afirmou.

Neste escenario, esixiu aos presidentes galego e español "que deixen de esconderse", pois levan "parados desde hai unha semana" e "é o momento dos feitos".

Após se frustar a venda da fábrica a Liberty, o Goberno estatal tratou de executar esa compra a través da SEPI, pero Alcoa negouse.

Máis en POLÍTICA
Comentarios