A portavoz nacional do BNG en Montevideo

Pontón mantén un encontro con Mujica e reafirma os lazos do Bloque coa esquerda latinoamericana

José Mujica non é un político ao uso. É máis ben un símbolo. Primeiro da loita do pobo uruguaio contra a ditadura militar (sofreu anos de cadea e torturas) e despois de despregamento de políticas populares de orientación socialista desde a presidencia do Uruguai (2010-2015). Esta segunda feira mantivo un encontro en Montevideo coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

ponton mujica
photo_camera Ana Pontón con Pepe Mujica

Na súa conta twitter, Ana Pontón falou do encontro con Pepe Mujica, o líder histórico da Frente Ampla uruguaia, e enmarcouno nunha "xornada de moitas emocións en Montevideo". Para a dirixente do BNG, Mujica é "un referente ético e político e unha persoa de grande humanidade e humildade".

Alén de manter un encontro co ex presidente uruguaio, Pontón participou con el e co intelectual e activista brasileiro Frei Betto nun simposio intitulado Esquerdas. Soberanía e globalización, organizado polo Movimento de Participación Popular, unha das organizacións integradas na Frente Ampla. "É chave situar o debate da esquerda a nível europeu e internacional. Pór en marcha marcos que nos permitan avanzar. É necesario recuperar unha esquerda que teña clareza ideolóxica agora que hai unha ofensiva brutal da dereita", afirmou neste foro a líder do BNG.

"Sen soberanía para os pobos no hai democracia", acrecentou a voceira nacionalista, quen puxo o acento na existencia de "moitos elementos en común entre a esquerda latinoamericana e o BNG". Alén diso, resaltou, "a soberanía ten que ser feminista e ambientalista".

Pontón aproveitou a súa presenza no simposio para explicar o modelo do BNG —"somos como a Frente Ampla, unha organización frentista"— e enfatizou a súa condición de forza política "que representa unha nación sen estado". "A nosa é unha loita democrática. Pensamos que un estado que non asume a plurinacionalidade é un estado falido", acrecentou.

"Sen soberanía para os pobos non hai democracia", dixo Ana Pontón, quen ve "moitos elementos en común entre a esquerda latinoamericana e o BNG"

Confesouse moi "emocionada" por estar en Montevideo. "Esta é unha terra que sentimos como parte de Galiza. Unha terra que acolleu moitas galegas e galegos na época en que non había traballo no noso país e tamén moitas persoas exiliadas durante o franquismo. Unha terra que nos abriu os brazos cando a ditadura asasinaba no noso país. Ese agradecimento ímolo levar sempre no noso corazón", dixo.

A participación neste foro de Pontón, acompañada en todo momento pola eurodeputada Ana Miranda, fai parte do amplo programa da súa viaxe a Uruguai e a Arxentina —que inclúe tamén unha entrevista co presidente Tabaré Vázquez, alén de varios encontros coa diáspora galega—, que a manterá en terras americanas até o próximo 2 de decembro cando tome un avión en Bos Aires rumo a Galiza.

Comentarios