Pontón en Lugo: "Feixoo é un cero á esquerda cun goberno inútil"

A portavoz nacional do BNG denuncia o deterioro por abandono do cuartel de San Fernando, once anos despois de que o Concello de Lugo cedera o espazo á Xunta comprometéndose esta a dar unha solución ao cuartel. 
[Imaxe: BNG] Ana Pontón e Rubén Arroxo, cun grupo de membros do BNG en Lugo.
photo_camera [Imaxe: BNG] Ana Pontón e Rubén Arroxo, cun grupo de membros do BNG en Lugo.

“Estamos igual ou peor que hai dez anos”, dixo Ana Pontón en Lugo durante un encontro con responsábeis locais e militantes do BNG, "o goberno de Feixoo non ten ningún compromiso con esta cidade e desatende o coidado do noso patrimonio”. Neste sentido, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para defender que o cuartel de San Fernando sexa “xestionado pola Xunta de Galiza”, e explicou que existe un consenso na cidade para dedicar o espazo a un Centro de Interpretación Galaico-romano.

A portavoz nacionalista tamén criticou as declaracións de Núñez Feixoo a respecto dos datos de desemprego e lembrou que o presidente da Xunta non asume a súa responsabilidade cando responde que non é responsábel do incremento  do paro. Na súa opinión, estas afirmacións  demostran que  Feixóo  “é un cero á esquerda e cun goberno inútil que non lle aporta nada a Galiza”.

Non podemos seguir “cun presidente durminte” que pensa que os problemas se van solucionar “manipulando os medios públicos”, insistiu Pontón, e instou a Feixóo a que asuma as súas responsabilidades ou “que deixe o seu cargo porque Galiza necesita ao fronte do goberno a un presidente ou unha presidenta que poña enriba da mesa alternativas económicas e deixar de laiarse ou buscar responsabilidades fóra.”

Comentarios