Combarro

Pontón insta Feixoo a presentar un recurso xudicial para que o Estado pague 700 millóns a Galiza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta de Galiza que "tome nota" de Catalunya e que apresente un recurso xudicial contra o Estado co obxectivo de que o goberno central pague os 700 millóns de euros que debe a Galiza. Suma ademáis a esta  reclamación,  o pago de 2.000 millóns en compensación pola falta de investimentos durante os últimos anos e 200 millóns para a dependencia.
Ana Pontón en Combarro
photo_camera Ana Pontón en Combarro

“Tome nota de Catalunya”, aconsellou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao presidente da Xunta de Galiza para que presente “un recurso xudicial” co obxectivo de que o goberno central aboe a Galiza a cifra adebedada de 700 millóns de euros.

A líder nacionalista sumou á reclamación pola vía do contencioso-administrativo deses 700 millóns de euros do financiamento autonómico outros 200 millóns en materia de dependencia, cifra que Pontón estimou sobre o que o Estado debe a Galiza desde a etapa de Mariano Raxoi.

O Bloque tamén instou Feixoo a reclamar máis de 2.000 millóns de euros “que durante os últimos anos orzáronse pero non se investiron na mellora do ferrocarril no noso país"

Así mesmo, a portavoz nacional do Bloque tamén instou Alberto Núñez Feixoo a reclamar máis de 2.000 millóns de euros “que durante os últimos anos orzáronse pero non se investiron na mellora do ferrocarril no noso país", á vez que engadiu que a Galiza “necesita un presidente que exerza como tal".

Desde o BNG reivindican que a "parálise política que se está dando no Estado non pode ter consecuencias no financiamento das comunidades autónomas" e asegurou Pontón que "o presidente da Xunta non está á altura das circunstancias", converténdose en "comentarista da actualidade política". Desta maneira criticou a líder nacionalista Feixoo, de quen afirmou que carece de “determinación á hora de defender os intereses deste país".

Animou Pontón a mudar o modelo centralista de financiamento “por un novo modelo económico en que a Galiza sexa quen recade os seus impostos e quen calcule canto necesita".

O BNG reivindica en  Combarro a riqueza da ría e da pesca

Após Ana Pontón reunirse co goberno municipal de Poio, a líder nacionalista mantivo tamén un encontro con membros da Asociación en defensa do vial alternativo a PO-308 ao seu paso por Combarro onde se rexistra unha alta densidade de tráfico e graves problemas de seguridade viaria.

A este respecto Pontón comprometeuse a levar ao Parlamento a demanda dos veciños e veciñas. “No comezo do curso político”, avanzou, “instaremos a Xunta a que licite canto antes o proxecto de mellora da PO-308 e a circunvalación para canalizar o tráfico das Rías Baixas”.

Pontón salientou a grande riqueza da ría de Pontevedra e denunciou que a pesar do seu grande potencial económico, persisten os problemas de contaminación provocados por ENCE e falta de saneamento. “A Xunta e o Goberno central son responsábeis” pero ademais, a o presidente galego continua facendo “partidismo cutre coas depuradoras, denunciou Pontón.

Pola súa parte, a tenente de alcalde de Poio, Marga Caldas reivindicou o saneamento integral da ría e apostar pola cultura mariñeira e reclamou “a titularidade para o concello de Poio da praza de Chousa” co fin de organizar máis actividades libres das taxas abusivas impostas por Portos de Galiza”. A Festa do Mar que pon en valor a cultura mariñeira, tamén acolle na súa XIX edición actividades destinadas aos máis cativos con obradoiros organizados pola Asociación “A Chalaniña”, o festival “Armadilla Rock”, diversas concentracións e  exposicións de embarcacións tradicionais e regatas.

Comentarios