Ana Pontón insta a pór no centro da política a "vida das persoas"

O BNG ve Feixoo "incapaz" de dar resposta á crise e carga contra a Xunta pola improvisación no regreso ás aulas
Ana Pontón xunto ás deputadas do BNG Mercedes Queixas, Noa Presas e Montse Prado (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón xunto ás deputadas do BNG Mercedes Queixas, Noa Presas e Montse Prado (Imaxe: Arxina)

A XI lexislatura inicia para a líder do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, “marcada polas graves consecuencias económicas, sanitarias e sociais da pandemia”, que requiren “máis que nunca de que o Parlamento se converta no centro da vida política e que sexa unha Cámara en que a cidadanía se sinta representada e que lle achegue solucións aos problemas que atravesan nas súas vidas”.

Ese vai ser, segundo recalcou Pontón, o empeño das e dos 19 deputados do Bloque: “achegar solucións a miles de galegas e galegos preocupados polo seu traballo, porque perderon o seu emprego, porque non saben se poderán manter en pé o seu negocio" e que ollan tamén con preocupación a saúde, o inicio escolar e a conciliación da vida laboral e familiar.

"Dar solucións de futuro a todas esas cuestións centrará todo o noso esforzo”, proclamou a líder da oposición. Pero para iso, Pontón considera que “hai que aspirar a moito máis que a relatos idílicos", dixo en referencia á intervención que realizou o presidente da Cámara, Miguel Santalices, na solemne sesión de apertura da lexislatura que esta terza feira, 8 de setembro, decorreu no Parlamento.

Tampouco abonda para Pontón con "presumir de autogoberno tras dez anos sen que o Executivo de Feixoo conseguise nin unha soa nova competencia. Galiza merece moito máis, que traballemos con ambición de país e pondo no centro a vida das persoas e dos colectivos máis afectados pola pandemia a nivel sanitario, económico e social”, aseverou.

Para a portavoz nacional do Bloque, unha desas cuestións que preocupa ás familias é o inicio do curso escolar "mentres o Goberno só ofrece improvisación, bandazos e falta de protocolos claros, pese a ter desde o 14 de marzo para preparar a volta ás aulas”, denunciou. Nese sentido, reivindicou a redución das ratios por aula, contratar máis profesorado, habilitar máis aulas e crear un fondo extraordinario para garantir o servizo de comedor e as actividades extraescolares a todo o alumnado.

Comentarios