Proporán nova lei do viño

Pontón denuncia parálise da Galiza cun goberno en funcións e unha Xunta de vacacións

A portavoz nacional do BNG denunciou a parálise política que atravesa a Galiza cun goberno da Xunta que leva máis dun mes sen “tomar ningunha decisión relevante para o futuro”. A líder nacionalista pide a Alberto Núñez Feixoo que “abandone as vacacións ou demita por irresponsable e por ser incapaz de defender os dereitos dos galegos e galegas”.
Ana Pontón coa propietaria da adega Celme
photo_camera Ana Pontón coa propietaria da adega Celme

Castrelo de Miño acolleu esta sexta feita 30 de agosto unha visita da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao goberno municipal deste concello, tamén nacionalista. Pontón denunciou durante a súa visita a “parálise” do goberno galego e considerou alarmante que a “Xunta continúa de vacacións”.

“O goberno central está en funcións e o da Xunta de vacacións”, denunciou a líder nacionalista após non se celebrar ningún Consello da Xunta “e sen tomar ningunha decisión relevante para o futuro” da Galiza no último mes. A ese respecto, Pontón afirmou que “a Galiza non pode estar cun goberno de vacacións” porque temos problemas que inciden moi negativamente nas nosas vidas, “unha desaceleración económica, precariedade laboral moi alta e unha situación crítica na industria”.

Desde o Bloque volveron reclamar ao goberno de Núñez Feixoo que “abandone as súas vacacións e asuma as súas responsabilidades"

Así, desde o Bloque volveron reclamar ao goberno de Núñez Feixoo que “abandone as súas vacacións e asuma as súas responsabilidades porque se vai continuar de vacacións é preferíbel non ter goberno e que demita por irresponsabilidade e incapacidade para defender un proxecto de futuro para a Galiza”.

A nivel estatal, a portavoz nacional do BNG sinalou que a Galiza continúa “desaparecida e vivindo na incerteza debido á irresponsabilidade das forzas estatais”. Lamentou así Pontón que ningún partido estea a defender unha axenda galega en Madrid, e achacou esa a situación á falla de peso político galego para condicionar as partidos no Estado e defender os nosos intereses.

700 millóns de euros das galega e galegos atópanse retidos por Madrid neste momento, denunciou Pontón, un feito que para a líder nacionalista resalta a necesidade “que temos todos os galegos e galegas de controlar os nosos recursos para que a chave dos nosos  cartos non estea en Madrid”.

Na súa visita ao concello de Castrelo de Miño, acompañada da deputada do BNG por Ourense, Noa Presas e o portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, destacou o “grande potencial” dun concello que conta con importantes recursos naturais, turísticos e humanos “de primeira”.

Após parabenizar o novo rexedor  do BNG, Esteban Suárez, Pontón asegurou que ao igual que está a acontecer noutros concellos gobernados pola fronte patriótica, Castrelo de Miño impulsará un “proxecto transformador” que sen dúbida incidirá nunha maior calidade de vida para todos os veciños e veciñas, explicou Pontón.

Nese sentido, Ana Pontón tratou co alcalde e con representantes do sector vitivinícola unha proposta para que a Galiza conte “cunha unha nova lei do viño” destinada a dimensionar e dar valor engadido á produción e con “prezos xustos” para os produtores e produtoras de uva. Esta lei sería, dixo, “unha ferramenta importante” e para iso é necesario contar co sector para analizar as necesidades prioritarias.

Comentarios