Pontón defende o modelo municipal do BNG, “funciona”, e quer estendelo a partir do 26M por Galiza

A portavoz nacional incide en que alí onde goberna o nacionalismo “mellora a vida das persoas”.

ACTO MUNICIPAL CAMPAÑA 1 (1)

Ana Pontón compareceu en Compostela acompañada de alcaldes, alcaldesas e candidatos municipais do BNG para defender o que cualificou como “modelo de éxito” do nacionalismo nos concellos. Un modelo, dixo, que ten demostrado que “funciona”. “Ese é o reto que nos fixamos: máis BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do BNG, un modelo de éxito, que mellora a vida das persoas e que demostra que, cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, salientou a portavoz nacional,.

“O noso modelo está testado e funciona e por iso queremos estendelo por Galiza o 26M”, subliñou. Un modelo, explicou, que parte “dunha acción de goberno que busca algo moi importante: que as veciñas e os veciños sexan máis felices”.  Municipios “libres de corrupción e clientelismo”, “participativos”, “feministas” ou “sostíbeis”, en palabras de Ana Pontón e que son, dixo, unha referencia que o nacionalismo quer estender por todo o país o 26M.

Evencio Ferreiro, alcalde de Carballo, resumiu nese acto en dous eixos a fórmula BNG: “O cariño polo lugar que sentimos como propio, lugar que nos gusta ver avanzar para vivir e, segundo eixo, a visión estratéxica, o proxecto do concello que queremos construír cun horizonte e as idas claras, sen improvisacións”.

M.A Fernández Lores, pola súa parte, atribuíu o éxito dos gobernos nacionalistas “á confianza no país e na nosa xente”. “Cando me preguntan se o modelo Pontevedra o podería desenvolver outra forza contesto que non, porque o BNG elabora un proxecto propio, centrado na nosa realidade e esa confianza no que somos como país e como pobo é o que nos diferencia”.

Pontón pechou a súa intervención lembrando que a cita coas urnas inclúe as eleccións europeas e puxo en valor o traballo da candidata Ana Miranda. “É a garantía de que Galiza siga tendo voz propia en Europa e tamén a candidatura das persoas comprometidas coa defensa da democracia, dos valores republicanos, dos dereitos sociais e nacionais”, salientou.

Comentarios