Ponton apresenta en Xenebra a denuncia ante a ONU para "acabar coa impunidade do franquismo"

O BNG rexistou esta cuarta feira en Xenebra, na sede do Alto Comisionado dos Direitos Humanos da ONU, unha denuncia que persegue a devolución do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Francisco Franco. A iniciativa levou á cidade helvética a Ana Pontón e Ana Miranda, portavoz nacional e voceira do BNG perante a Eurocámara, arroupadas por militantes do Bloque en Suíza.

FOTO PONTON E MIRANDA PRESENTACION DENUNCIA ONU 2
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, acompañadas de militantes do BNG de Suíza, após rexistaren a denuncia

"Esta denuncia quer acabar coa impunidade do franquismo. É o mínimo que lles debemos ás vítimas", explicou Ana Pontón após formalizar a denuncia a meio da cal o BNG pide á ONU que inste do Estado español a implementación das reformas lexislativas precisas para depurar os residuos franquistas que perviven na vida pública do Estado español.

Os obxectivos concretos da iniciativa son a restitución ao patrimonio público do Pazo de Meirás, espoliado polos fascistas en 1938, a ilegalización da Fundación Francisco Franco pola súa teimuda apoloxía da ditadura e a abertura de vieiros legais (por exemplo coa derrogación de preceitos da Lei de Amnistía de 1977) que permita a efectiva investigación e reparación dos crimes da ditadura.

"É o mínimo que podemos facer a estas alturas, porque é unha débeda ética, política e moral que temos con todas as vítimas do franquismo", enfatizou Pontón, para quen o Goberno Rajoy continúa sen cumprir o mandato do relator especial da ONU, Pablo Greiff, quen visitou o Estado español entre xaneiro e febreiro de 2004 para comprobar se a Lei de Memoria Histórica de 2007 estaba a ser eficaz na persecución da xustiza e a reparación das vítimas da ditadura.

As conclusións de Greiff é que a LMH de 2007 non era suficiente e que cumpría adoptar medidas dirixidas a garantir a "restitución das propiedades e documentos incautados a particulares", ao tempo que denunciaba que o Estado español non tiña estabelecido unha política "para a promoción da verdade" sobre os crimes perpetrados polos golpistas a partir de xullo de 1936.

Pontón denunciou en Bruxelas a inacción do Goberno español e a que cualificou como complicidade do PP, a comezar pola do presidente da Xunta, cos intereses particulares da familia Franco, que continúa a dispor da propiedade do Pazo de Meirás mesmo, dixo, con aberta violación das súas obrigas como posuidora dun ben de interese cultural.

Comentarios