“Ninguén vai defender o sector pesqueiro galego se non o fai o BNG”, afirmou, acompañada da candidata a Estrasburgo Ana Miranda, “porque será Miranda quen defenda un reparto de cotas de pesca digno para Galiza, quen defenda que os fondos europeos sirvan non para esnaquizar barcos e si para producir, que os fondos garantan rendas dignas para os traballadores e traballadoras”.
Pontón e Miranda entenden que dicir “Galiza é unha nación pesqueira” non é “retórica”. O anaco de PIB do sector é o máis alto de toda a Unión Europea. E debido a esa realidade, o país precisa “dunha voz forte, potente e experta onde se toman as decisións que máis lle afecta”.
No programa da organización nacionalista para Europa figuran cuestións defendidas durante anos na pesca: a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a asunción de planos de recuperación de especies, regulación das artes e capacidade inspectora. O BNG tamén quere que Galiza “teña presenza con voz, voto e veto nas institucións comunitarias que doptan decisións sobre o sector”.
A propia Ana Miranda reclamou a creación dunha Axencia Europea dos Océanos con sede en Vigo. “Resultan indiscutíbeis os beneficios que para Vigo tería este organismo”, sinalou, “ao converter a cidade en faro europeo da xestión e a investigación oceánica, ademais de permitir afondar na investigación e na xestión mariña de Galiza e supor novas oportunidades laborais e empresariais”.
A trazabilidade dos produtos -para garantía do consumidor e para “poñer en valor” a calidade dos mesmos, a derrogación do chamado Principio de Estabilidade Relativa ou acabar co “dislate de prohibir a fronta acollerse a programas de modernización” foron outros compromisos expresados por Pontón e Miranda no seu acto de Vigo.