Pontevedra traballa nunha “enciclopedia virtual” da memoria das mulleres

A elaboración dunha "galipedia de mulleres", colectiva e cooperativa, e un fondo documental, gráfico e audiovisual con carácter histórico son algúns dos obxectivos do programa "A memoria das mulleres" que bota a andar o Concello de Pontevedra. 

Mulleres de Salcedo traballadoras da Tabacalera
photo_camera Mulleres de Salcedo traballadoras da Tabacalera

A construción, colectiva e cooperativa, dunha enciclopedia virtual na que se recolla a historia das mulleres no concello de Pontevedra, con especial atención ás clases traballadoras, as máis silenciadas, é un dos obxectivos que o programa “A memoria das mulleres” contempla no seu inicio, co fin de botar luz sobre unha historia ocultada. Canda a enciclopedia virtual, o proxecto buscará elaborar un fondo documental, gráfico e audiovisual que estea a man de calquera persoa ou colectivo que queira acceder a datos e materiais sobre a historia das mulleres no Concello de Pontevedra. 

Cos centros educativos

Co fin de difundir o pasado silenciado das mulleres, o programa fai especial fincapé na participación dos centros educativos e os demais axentes sociais interesados para divulgar e participar no desenvolvemento do proxecto, ao que se dará acceso tamén a través de novas tecnoloxías da comunicación. Desde a coordinación do programa tentarase implicar aos centros educativos na recollida e divulgación. A recollida da memoria oral será un dos eixos de traballo de “Memoria de mulleres”.  Cos centros interesados en participar no programa celebrarase unha xuntanza o martes día 8 de novembro. O correo para solicitar información é [email protected]

Promovido polas Concellarías de Patrimonio Cultural, Muller e Cultura e dinamización sociocultural de Pontevedra, o programa abre as portas a persoas e entidades que queiran participar como colaboradoras achegando recursos, materiais ou propostas ademais de contemplar a posibilidade de asinar convenios de colaboración con outras entidades e institucións. Un consello asesor formado por un máximo de 20 mulleres de distintos ámbitos sociais e profesionais encargarase de formulación de propostas, avaliación de desenvolvemento e asesoramento xeral do programa. 

Galipedia de mulleres

A elaboración dunha “Galipedia de mulleres” con biografías do século XI a XXI será un dos obxectivos desta primeira etapa do proxecto que tentará botar luz sobre a historia das mulleres en Pontevedra. Alén deste traballo con soporte virtual, traballarase na recollida de documentos escritos, fotografías e materiais audiovisuais de cara constituír un fondo amplo e histórico. 

A memoria das mulleres no espazo público e na escola serán outros dos puntos de atención, no primeiro caso arredor da presenza das mulleres no rueiro e en propostas para sinalizar percorridos e instalar elementos conmemorativos e no segundo co fin tamén de potenciar o traballo dos propios centros de ensino. 

Unha plataforma web, publicacións divulgativas, organización de conferencias, mesas redondas ou simposios, audiovisuais, obradoiros formativos, unha exposición ou a creación dun Centro de documentación son algunhas das iniciativas deseñadas para o desenvolvemento de “Memoria de mulleres”. 

Xornada formativa o día 7

Unha das primeiras actividades do programa será a xornada formativa que terá lugar o día 7 de novembro na Casa das Campás a partir das 17.30 horas. Carmen Nieto presentando os programas “Fálame de San Sadurniño” e “Memoria de muller”, Antón Caeiro con “O faiado da Memoria” (Vilagarcía) e a presentación do proxecto “Mecas. A memoria das mulleres” con Patricia Arias do IES As Bizocas completarán unha xornada na que tamén se dará conta do programa “A memoria das mulleres”. Para participar no encontro compre se anotar previamente no correo do programa, [email protected]

 

Comentarios