Pontevedra retira do rueiro a Xoán Carlos I por "decencia"

O pleno de Pontevedra aprobou esta segunda feira eliminar o nome do rei emérito das rúas da cidade. No entanto, o PP lamentou unha decisión que “non mellora en nada a vida dos pontevedreses”.

Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto Concello de Pontevedra)
photo_camera Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

O rei emérito, Xoán Carlos I, non estará máis presente na vida das e dos pontevedreses. O pleno municipal da cidade acordou hoxe retirar o nome do ex monarca do rueiro facendo así un “acto de xustiza, decencia e hixiene democrática”. A rúa á que bautizaba pasara agora a dedicarse á galeguista Virxinia Pereira.

O cambio na nomenclatura da avenida levarase a cabo grazas aos votos a favor do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o PSOE. No entanto, tanto o PP como o concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, estiveron en contra desta medida.

El calquera caso, a decisión de mudar a Xoán Carlos I por Virxinia Pereira, galeguista e garante do legado de Castelao na cidade, saíu adiante, o que levou á concelleira de Cultura, Carme Fouces, a asegurar que esta segunda feira foi “un día histórico que quedará gravado no relato da cidade”.

A nacionalista defendeu no pleno esta mudanza polas actuacións da Casa Real, vinculadas a supostos cobros de comisións de “dubidosa procedencia” por parte do Borbón.

Na súa opinión, o comportamento de Xoán Carlos I “avergoña” até aos “monárquicos decentes”. Por iso, en breve a cidade pasará de homenaxear no rueiro a un “corrupto” para darlle protagonismo á “dignidade, entrega, servizo público e decencia que representa Virxinia Pereira”.

Lembrou que esta activista “sacrificou a súa vida cómoda por loitar por unha Galiza libre, próspera e sen rei”. Aliás, logrou que a obra de Castelao estea hoxe no Museo de Pontevedra. Pola súa parte, o voceiro socialista, Tino Fernández, lembrou que os principios e valores do ex rei están “cuestionados”, non só pola Corporación pontevedresa, senón tamén pola propia Coroa.

Porén, non todos os partidos con representación na corporación local están a favor desta variación. Para o Partido Popular a votación implica unha “submisión” do Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores “ao PSOE”. O portavoz, Rafael Domínguez, interpreta que estase “a insultar” a unha persoa. Ademais, subliña que a decisión “non mellora en nada a vida dos pontevedreses e non hai reproche xurídico ou penal algún sobre Juan Carlos I que xustifique esta medida”.

Comentarios