Pontevedra pon en valor a SD Teucro na conmemoración das súas vodas de brillante

Un 4 de maio, na gris Pontevedra de 1945, nacía a Sociedade Deportiva Teucro, o equipo decano do balonmán galego e o segundo con máis antigüidade no Estado español. A súa é unha historia de drásticos altos e baixos que agora se ve compilada nunha serie de actividades que incluirán unha exposición retrospectiva. 
fondo-75
photo_camera Unha ampla programación celebra os 75 anos do decano do balonmán. (Foto: SD Teucro)

Hai exactamente oito anos a Sociedade Deportiva Teucro pendía dun fío. Entraba en concurso de acredores cunha débeda próxima aos dous millóns de euros e, pouco tempo despois o seu presidente recoñecía que na caixa había "só cinco euros". Lonxe quedaba a dourada década dos 90, na que baixo a denominación de Caixa Pontevedra Teucro chegaron a pelexar pola liga e a competir en Europa.

Mais, imbuídos por ese espírito tan pontevedrés do hai que roelo, o clube e as xentes que o conforman apertaron os dentes e loitaron por responder ante as súas obrigas e hoxe esa débeda -"que pesou como unha lousa", segundo recoñece o membro da xestora que dirixe o Teucro, Antonio Lores Cáceres- reduciuse en máis de 80%.

Xa se albisca a luz ao final do túnel e, co obxectivo de "manter viva a chama do fachón" que representa o clube, a Sociedade Deportiva Teucro, co apoio de institucións como o Concello de Pontevedra e a Secretaría Xeral para o Deporte, desenvolveu unha programación de actos para conmemorar a efeméride do 75 aniversario da súa fundación, que terá lugar o 4 de maio.

Durante a presentación dos actos na Casa das Campás, que estivo marcada pola nostalxia de tempos mellores -o Teucro acumula dez derrotas nas últimas once xornadas da Liga Asobal- lembrouse a condición de "vicedecano" do balonmán estatal do conxunto pontevedrés e o feito de ser "o clube máis laureado" deste deporte na Galiza.

O presidente da xestora, Carlos García-Alén, reivindicou os fastos das vodas de brillante do Teucro na importancia que supón "pór en valor" ao equipo, para o que demandou o apoio das diferentes administracións".

O Concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, respondeu á alusión comprometendo o respaldo do Concello e da súa concellaría "en todo o que sexa necesario para que estes 75 anos se convertan noutros 75 máis", e deixou claro que, aínda atopándose alí na súa condición de representante municipal, o seu corazón é da cor "azul do Teucro".

Un torneo, a publicación dun libro e até unha carreira para homenaxear o Teucro

O izado da bandeira da Sociedade Deportiva Teucro no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra -a súa casa durante os últimos 25 anos- o vindeiro día 4 de marzo será o tiro de saída dos actos conmemorativos do 75 aniversario.

Entre as actividades programadas destacan unha palestra sobre deporte, igualdade e prevención da violencia de xénero, que se desenvolverá nunha data aínda por determinar entre ese 4 de marzo e o mes de xuño; unha carreira popular polas rúas da cidade do Lérez o 3 de maio; o descubrimento dun monólito conmemorativo un día despois; un torneo internacional no que participarán equipos galegos e portugueses no mes de agosto; ou, xa en novembro, unha exposición, un documental e un libro tributo, que pecharán a programación.

Comentarios