Pontevedra aposta por manter "o pulso cultural" no derradeiro trimestre do ano

Artes plásticas, música, cine e teatro na programación de outono do concello de Pontevedra. O Culturgal terá lugar entre o 27 e o 29 de novembro.
Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.
photo_camera Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra vén de presentar a programación cultural que vai desenvolver ao longo do último trimestre do ano, nun contexto que a concelleira de Cultura, Carme Fouces, cualificou de "distópico" e que obrigou a adiar, a recompoñer e mesmo a suspender algún dos ciclos "estábeis" dos que gozou a cidade nos últimos anos.

Pintura

Neste sentido, Fouces comprometeuse a manter o "pulso cultural" que desde a área que dirixe lograron prolongar a pesar da pandemia. E puxo como exemplo a actividade rexistrada na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, que tras a clausura da mostra Morquecho 2000-2020 acaba de inaugurar Na Beira do río. Diálogos na pintura, unha retrospectiva dos dez anos deste proxecto expositivo comisariado por Ramón Rozas.

"A partir da semana que vén teremos visitas guiadas con todas as medidas de seguridade que se recomendan, tanto para os escolares, en horario de mañá, como para o público xeral, previsibelmente cada quinta feira en horario de 20 a 21 horas", detallou Carme Fouces.

Teatro

A responsábel de Cultura do Concello de Pontevedra anunciou a posta en marcha do ciclo habitual de teatro. 'Ponteatro' achegará ao público cinco montaxes na recta final de ano cuxas entradas se venderán a un prezo máximo de cinco euros.

"Este ano non haberá bono e, ademais, o despacho de billetes fechará unha hora antes do inicio do espectáculo", remarcou Fouces antes de adiantar o título das obras que se van representar na cidade. O 22 de outubro, Vida de cans, de Talía Teatro. O 12 de novembro, Falar por falar, de Volta e dálle. Camiños, de Butaca Cero, poderase ver o 26 de novembro, O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o 3 de decembro, e os días 10,11,12 e 13 dese mesmo mes, Fariña, baixo a dirección de Tito Asorey. 
"A compañía aposta por unha sesión dobre diaria sempre que o público responda e encha 50% da capacidade do Auditorio no primeiro pase, polo que facemos un chamamento á complicidade das espectadoras para garantir o teatro na cidade".

Música

E a canda estas propostas, plásticas e teatrais, a música. Pontevedra acolleu nas primeiras semanas da desescalada "o primeiro gran concerto que tivo lugar no país", salientou Carme Fouces. "Unha fusión entre o ciclo 'As Matinés do Principal' e o ciclo 'Voices'" onde estaban programadas, respectivamente, as actuacións de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e de Guadi Galego. A concelleira de cultura lembrou que o espectáculo conxunto que ofreceron na explanada do Pazo da Cultura marcou o inicio da recuperación da música ao aire libre, que agora terá continuidade co resto das citas previstas para 'As Matinés': Ele, o 21 de novembro, e Manel, o 5 de decembro.

A estes anuncios, Fouces sumou o concerto de Os de algures, o 23 de novembro, ademais dos de Sés, Carlos Núñez e Alberto Vilas, pendentes da evolución da pandemia.
A concelleira de Cultura confirmou, ademais, a continuidade da programación de cine e unha reforma do Teatro Principal que non vai frear o impulso cultural. 

Conta atrás para o Culturgal  

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, confirmou a presenza no Pazo da Cultura da cidade dunha nova edición do Culturgal, a feira das Industrias Culturais da Galiza. Terá lugar entre o 27 e o 29 de novembro. Segundo avanzou Fouces, a organización traballa nunha posta en escena que permita conxugar a modalidade presencial coa actividade online. O prazo para solicitar os postos presenciais está aberto até o 3 de novembro.

Comentarios