As Pontes únese contra a parálise na central térmica

As traballadoras e traballadores das auxiliares, a totalidade, segundo os sindicatos, protagonizan unha xornada de folga, e o alcalde encabeza unha manifestación masiva da veciñanza pola tarde.
A manifestación desta quinta feira nas Pontes.
photo_camera Inicio da manifestación desta quinta feira nas Pontes.

O persoal das empresas de auxiliares concentrouse desde as cinco e media da mañá na rotonda de Vilabella xunto á central e despois marchou en manifestación até a vila. Hai unhas 250 persoas afectadas nestas empresas pola paralización de parte da produción en Endesa, e sobre todo, como advirten os sindicatos, moita incerteza respecto dos plans da eléctrica para o complexo das Pontes. 

Despois das protestas en Compostela, diante da Xunta, e na Coruña, na Delegación do Goberno, esta quinta feira a preocupación de traballadores e veciñanza expresouse na vila cunha manifestación masiva encabezada polo alcalde da localidade, o socialista Valentín González. A marcha comezou na capela do Carme e rematou diante do Concello, onde o alcalde leu un manifesto acordado con organizacións políticas e sindicais e cos colectivos veciñais reclamando unha solución para Endesa As Pontes que permita manter unha actividade produtiva fundamental para a economía da comarca mentres se avanza no proceso de descarbonización.

Comentarios