Opinión

Polo clima, decrecemento

Pouco despois do día sen coches nunha cidade como Ferrol onde aínda é tema de controversia a peonalización do casco histórico, aprobouse unha Moción polo Clima levada a pleno por FeC e BNG e presentada polo Movemento Galego polo Clima que engloba a case un cento de colectivos ecoloxistas, sociais, culturais e educativos mobilizados inicialmente polo movemento internacional FridaysForFuture e Extinction Rebellion que escolleron este 27S como día para presionar aos gobernos a tomar medidas políticas urxentes perante a Emerxencia climática.

Pasmoume que un alcalde do PSOE, adalide do progreso e a modernidade, votara a prol dunha moción polo Clima que cuestiona estes dous conceptos como causantes da crise climática. (Ben sabía Pasolini que os vagalumes voan ao solpor e desaparecen coa industrialización).

Aledeime moito de que poucos meses despois dunha campaña ás municipais totalmente centrada na economía crecentista e onde mesmo se facía mofa de calquera tema ambiental ou decrecentista, ao fin os vintecinco que forman a corporación, recapacitasen e mudanse en ecoloxistas, de súpeto. Escoitar a gobernos que se dicían de cambio dicir que non se quere crear unha masa crítica contra o cambio climático, cando gobernaron catro anos e nin sequera foron quen de ubicar unha estación de bicis no seu propio barrio ou asumir o transporte público como prioridade causoume un proído desacougante. Asisitir á posta de verde dun goberno que puxo todos os atrancos posibeis a que a Rede para o Decrecemento puidera celebrar o I Congreso onde se abordaron en profundidade estes temas con expertos do nível de Carlos Taibo, Teresa Moure, Begoña de Bernardo ou mesmo responsabeis da Rede para o Decrecemento de Portugal, foi unha experiencia mística.

Aledeime tamén cando os nacionalistas pedían unha actuación contundente respecto aos problemas ambientais que temos nas cidades e lembraba que eles xa propuñan unha Ecocidade ou fiscalidade ambiental. Sabido é que o prefixo eco- o máis que obriga é a facerse eco do Capitalismo verde ou dese novo trapelo europeo que se deu en chamar Economía circular fuxindo, como alma que leva o diaño, desa palabra perigosa chamada Decrecemento. Porque acollerse ao Eco non obriga a cuestionarse este sistema capitalista de Crecemento continuo que é o que está a causar a Emerxencia climática. Os máis arriscados políticos falan desa economía circular que fronte ao usar e tirar da economía lineal limítase, todo o máis, a políticas dos 3 R (Reciclar, Reutilizar e Reparar) que fornecen novos nichos de mercado. E digo todo o máis porque nin isto fan en condicións.

Os Decrecentistas, pola contra, dicimos que a Emerxencia climática só se resolve con políticas urxentes de implantación dos 9 R dos que Reducir, Repartir, Restrinxir, Redeseñar, Reutilizar serían prioritarios. Por que só os decrecentistas falamos deses erres?. Será porque estes erres atacan á liña de flotación do sistema capitalista que se basea no lucro estremo a custa dos territorios, ecosistemas e comunidades?. Será porque estes erres cuestionan o PIB como indicador económico, ao que non ousan botarlle o dente nin os sindicatos nin os partidos de esquerdas, tan produtivistas eles?. Como di Carlos Taibo en El decrecimiento explicado con sencillez: un bosque transformado en papel acrecienta o PIB, en tanto en canto ese mesmo bosque intocado, decisivo para garantir a vida, non se considera riqueza. Eis a condea do monte galego ao monocultivo de eucalipto e por tanto aos incendios forestais que mudan o noso territorio nunha ratoeira para Ence e arruinan o rural. Eis os incendios da Amazonía para alimentar o gando industrial macdonalizado.

Combater a Emerxencia climática planetaria pasa tamén por cuestionarse o modo de transporte e para iso hai que ler Para uma história das necessidades de Ivan Illich onde nos di que só para transportar as persoas, 250 millóns de americáns gastan máis combustivel do que 1,3 mil millóns de chineses e indianos para todos os fins. Claro que o pouso taoísta marchou con Mao e a China do capitalismo salvaxe promete remedar ao modo de vida americano ate o colapso enerxético fósil.

Parece que o parque móbil de España, que ten 15 millóns de automóbiles, devería ser duns 180.000 vehículos con motor de combustión a dicir dalgúns expertos. Mais isto non é eleitoralista porque ataca á lucrativa industria automobilística e ameaza postos de traballo. Daí que os sindicatos só se vistan de verde en días sinalados. Malia o derroche de horas ao volante, a cantidade de accidentes nas estradas ou as emisións de CO2 responsabeis do efecto estufa. Ate Sicco Mansholt, ese socialdemócrata que presidiu a CEE nos anos setenta do pasado século avogaba por un cambio radical nas estruturas de produción e consumo que hoxe sería catalogado como radical e perigoso.

A Emerxencia climática obríganos amais, a Restrinxir a acumulación de riqueza e a cuestionarnos o propio concepto de esta. A combater o lobbie da moda que nos educa no consumo innecesario, esgotador dos recursos non renovabeis (auga, enerxía, ecosistemas…) e explotador das persoas (principalmente mulleres e nenos do sur) que produce no outro extremo do planeta para o noso consumismo low cost. Terribel eufemismo que agocha os abusos da industria téxtil, cando nunca un custe foi tan alto.

A Emerxencia climática obríganos a descarbonizar. Pechar as Térmicas facendo unha transición enerxética xusta para que non sexan os traballadores de As Pontes, de Alcoa ou de Meirama os novos Atlas das eléctricas. Que tamén rescatamos á Banca e ninguén nos perguntou..

Nazaret Castro ten un livro clave para educarmonos: La dictadura de los supermercados. Cómo los grandes distribuidores deciden lo que consumimos. Onde se cuestiona quen paga o que non se inclúe nos balances das empresas. Considera estes temas como unha imperiosa urxencia diante dos múltiples estudos científicos que nos sitúan ao borde do colapso ambiental. Temos que mudar xa os hábitos de consumo e os valores porque o esgotamento das enerxías fósiles fórzanos a simplificar a nosa sociedade, a relocalizar a produción para evitar o derroche do transporte e asegurarnos a soberanía alimentar. Unha semana sen transporte de alimentos sobre uns galegos que esqueceron o minifundio abocaríanos a...comer eucaliptos? Cantos comedores de patacas que entre a couza e o dictado dos mercados xa deixaron de plantar teriamos que emigrar e a onde? Correremos risco doutra An Gorta Mór ou Gran Fame de Irlanda que dezmara a poboación e enchera de irlandeses os EEUU.?

Decrecemento é o tabú que ninguén quere pronunciar mais é a única alternativa. Porque ningunha economía é circular nin lineal senón entrópica. A enerxía que se perde engádese ao medio ambiente. Por iso cando queimamos petróleo contaminamos a natureza e derrochamos un recurso esgotabel. Así que nin o capitalismo pode ser verde nin a economía pode ser circular. E reducir, agás no caso de non ter as necesidades básicas cubertas, é o grande reto do que en ningún pleno se fala.

Comentarios