Opinión

Políticas feministas? (I)

Foi nos anos finais do século pasado cando se comezou a falar da necesidade de examinar os orzamentos públicos á luz do impacto de xénero, o que equivalería, en termos gramaticais, a valoralos en función do complemento indirecto: a maioría social feminina. Falo da súa utilización no debate público, non da súa inauguración como conceito. Desde aquela a hoxe, asistimos de forma notoria a un proceso crecente de asimilación, que non de asunción real, da retórica e da aparencia feminista. De ser convenientemente deostado ou marxinalizado, o feminismo pasou a ser absorbido, nunha dimensión admisíbel e controlábel, por parte dos mesmos poderes que manteñen, ferreñamente, a subordinación-discriminación da maioría das traballadoras, das mulleres. Non por atavismo, non só por reaccionarismo, senón por necesidade ínsita ao proprio sistema. Causa abraio, por isto, contemplar quen e como organiza un magno “Women now. It’s time to reset”, profusamente anunciado como “El congreso de mujeres extraordinarias que cambian el futuro”. Quen son? Theresa Lambe (Oxford University); Mary Beard (Cambridge University); Eleanora Rizutto (directiva de Bulgari); Carolina A. Herrera (directora creativa de idem); Gloria Steinem (presentada como “la feminista más famosa del mundo”); Isabel Coixet (cineasta); Siri Hustvedt (escritora e premio Princesa de Asturias); Mariangela Marseglia (CEO de Amazon para España e Italia); Adriana Domínguez (CEO da empresa de seu pai); Ana Peleteiro (atleta campioa de Europa e premio Princesa de Asturias). Quen está detrás? En primeiro lugar, o Banco de Santander, acompañado de Cellnex, Deloitte, Novartis, Vocento, Salesforce, Huawei, Hyundai, Correos.

Moi lonxe da miña intención xulgar traxectorias ou méritos que mal coñezo ou ignoro, e, por suposto, todo o meu respeito para o traballo na ciencia, na literatura, nas artes ou no deporte. Mais a escolla realizada baséase nun facto común: son todas triunfadoras, todas mereceron premio do establishment e varias delas son xestoras directas do capitalismo ao seu máis alto nível, xustamente e casualmente o que garante a opresión de millóns de conxéneres en todo o mundo, de mulleres explotadas laboral e salarialmente. Non dubidamos, porén, de que esta versión do “feminismo” sexa aplaudido por Patricia Botín, a todopoderosa xefa do Banco Santander, porque nas number one por ela convocadas hai un espello que a reflicte. Narcisismo ante todo. As traballadoras de a pé, feministas ou non, do banco citado, de multinacionais elefantiásicas como Amazon, de empresas do téxtil ou do luxo, das outras patrocinadoras do evento, que pensarán do mesmo? Terán dereito a algún aguinaldo por seren “mulleres ordinarias que sosteñen o presente”? (face ao modelo proposto, lembremos, “mujeres extraordinarias que cambian el futuro”). Nestes tempos críticos no laboral e no social, terán algunha posibilidade (unha vez despedidas, por exemplo) de reset, de reiniciaren o que? En pleno século XXI, asistimos, agrandado pola globalización, ao triunfo apoteósico do grande mito burgués do XIX: quen vale, sempre chega / quen fracasa é porque non vale ou non se esforza dabondo.

Comentarios