Política Social non aclara a titularidade das residencias da Fundación Ortega

A conselleira de Política Social compareceu no Parlamento para defender os orzamentos de 2020 e a súa xestión. A oposición criticou a "precarización" do persoal de coidados e demandou coñecer a titularidade das residencias que construirá a Fundación Amancio Ortega.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha comparecencia (Europa Press)
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha comparecencia (Europa Press)

A comezos desta semana o Parlamento galego retomou a súa actividade cun Pleno. Unha das primeiras comparecencias foi a da conselleira de Política Social, Fabiola García. García defendeu, xunto ao orzamento da súa consellaría para 2020, a construción das sete residencias para maiores, que o Partido Popular asegurara hai sete anos, promovidas pola Fundación Amancio Ortega.

A deputada do BNG Montse Prado lembrou á Cámara que o Partido Popular comprometeu as residencias de maiores en 2012. “Rematamos 2019 e non hai residencias, nin un só ladrillo, nin unha soa realidade”, criticou. A integrante do Grupo Mixto Paula Quinteiro cuestionou á conselleira sobre a titularidade e xestión das residencias, “pois as multinacionais fan negocio coa xestión”, mais esta esquivou a pregunta.

Na súa quenda final, García reivindicou que unha praza nun centro de persoas maiores “suxeita a prezos, listas e criterios de acceso públicos é unha praza pública” e amosouse “indignada” e “preocupada” pola reacción da oposición.

Precariedade do persoal

Durante a súa comparecencia, a titular de Política Social enfrontou as críticas da oposición pola situación laboral do persoal de atención. Os grupos trasladaron as denuncias dos sindicatos e coincidiron en sinalar a súa “precarización”. García declarou que a Xunta conta actualmente con máis de 6.500 profesionais, “un 10,3% más que en 2009” e que as súas condicións “melloraron nos últimos anos”.

A Confederación Intersindical Galega replicou a conselleira nun comunicado, acusándoa de realizar “un exercicio de demagoxia e propaganda electoral”. Desde o sindicato lembran que o Consello de Contas de Galiza “recoñece a non substitución de persoal por parte da Xunta”. “Tras inspeccionar dez centros constatou que había da orde de 10.022 días sen substitucións de persoal, o que equivalería á contratación de sete enfermeiras e corenta técnicos en coidados de enfermaría”.

A CIG tamén denuncia a sobrecarga laboral e as doenzas do persoal, que sofre as consecuencias dun traballo duro física, mental e emocionalmente. “A isto hai que sumar que os cadros de persoal están cada vez máis envellecidos e que usuarias/os son máis dependentes pola súa maior idade”, recalca.

Comentarios