Opinión

É a política occidental tan progresista como pretende?

Durante as últimas décadas, as democracias occidentais pareceron asumir, cando menos no que respecta aos dereitos humanos, un ideario netamente progresista. Ideario que, agora se di, podería estar en regresión coa ameaza de Trump e da extrema dereita en varios países.

Occidente tería sido, cando menos até o momento, o adaíl de todas as causas humanitarias e o garante da liberdade de expresión. El mesmo se presenta incluso como vítima, fronte a un mundo agresivo, totalitario e á deriva, cheo de homes da guerra, terroristas suicidas e populistas. 

Hai, sen embargo, algo de sospeitoso nesta obsesión por monopolizar as ideas progresistas, como había algo de perverso –salvando as distancias– no nazismo cando escolleu a cor vermella para a súa bandeira, cando definiu o partido como obreiro (Partido Nacional-Socialista Obreiro Alemán) ou cando editaba grandes carteis propagandísticos cun pé, paradoxal, no que se lía: “O marxismo é o anxo da garda do capitalismo”.

Vivimos, de novo, momentos de confusión, acostuma a dicirse. Xa non sabemos de onde provén o mal. Dos rusos, dos chinos, países grandes e poderosos, ou de Siria e Venezuela, países pequenos que non poden supoñer unha ameaza.

Os medios, presos cada vez dun maior nerviosismo, insisten en cualificar de conservador a Putin pero tamén o Partido Comunista da Federación Rusa, na oposición

Os medios, presos cada vez dun maior nerviosismo, insisten en cualificar de conservador a Putin pero tamén o Partido Comunista da Federación Rusa, na oposición. Conservador, por suposto, é Trump –cuxa vitoria non foi aínda asimilada– pero o mesmo cualificativo lle é aplicado a Raúl Castro. Occidente parece usufrutuar, cando menos até agora e en exclusiva, a marca progresista. Un progresismo modélico, referente obrigado para o resto do mundo. Pero, vexamos cal é a realidade e os antecedentes desta política.

Vítimas en lugar de invasores

Os Estados Unidos contan cun orzamento militar superior á suma do de todos os demais países xuntos e pretenden exercer a súa influencia en todas as áreas xeográficas. Sen embargo, as súas operacións en Oriente Medio, iniciadas co ataque a Irak, teñen por xustificación a súa propia consideración de vítimas. Todo tería a súa orixe no atentado das Torres Xemelgas. Na inocencia dos que morreron, na sorpresa e no loito subseguinte.

A estratexia informativa norteamericana segue o patrón de Pearl Harbor (2.386 mortos) que serviu para xustificar o lanzamento de bombas atómicas sobre Xapón (155.000 mortos, de forma inmediata); o mesmo patrón tamén de Little Bighorn, unha puntual derrota ante os sioux e outras tribos que velou o masacre das guerras indias e, un pouco antes aínda, o da batalla de El Alamo, outra derrota, con abundante eco cinematográfico, que serviu para disimular a vitoria posterior sobre México e a anexión dunha parte importante do seu territorio. 

Non deixa de chamar a atención que os Estados Unidos usen propagandisticamente as súas derrotas moito máis que as súas vitorias. Probabelmente, porque é máis fácil xustificarse cando primeiro se interpretou o papel de vítima.

Heroísmo e sacrificio duns poucos homes brancos que xustificará despois a matanza ou a desposesión de miles de indíxenas

Non é, sen embargo, algo novo na historia. A retórica imperial cantou o fracaso dos italianos en Dogali, fronte aos etíopes, e o dos ingleses en Rorke’s Drift, na guerra anglo-zulú. Heroísmo e sacrificio duns poucos homes brancos que xustificará despois a matanza ou a desposesión de miles de indíxenas. 

Se son intervencións humanitarias por que non envían médicos?    

A cruz e a espada teñen a mesma forma. Pero, o imperio español sempre intentou resaltar a misión evanxelizadora como motivo da conquista de América. Algo máis tarde, o imperio inglés fixo célebre a expresión: “O fardo do home branco” (The white man’s burden), para aludir á responsabilidade adquirida polo colonizador coas pobres xentes de África.

Na actualidade, parece que debemos sacrificarnos para sufragar os gastos de exércitos que realizan “labores humanitarios”, aínda que na maioría das imaxes só se ven soldados cargados de armas, circulando en vehículos blindados. Médicos, propiamente, e en bo número, só envía Cuba.

A defensa dos dereitos humanos, con carácter universal, é extremadamente importante, pero, a moral de verdade é concreta e o que ocorre sobre o terreo é bastante diferente do que se di. Un único soldado israelita prisioneiro dos palestinos foi trocado, en 2011, por 1.027 palestinos, presos en cárceres israelís, o que veu demostrar, non que os palestinos sexan uns grandes negociadores, senón que o valor de cada persoa depende da súa nacionalidade. En América, o asasinato dun membro da DEA provocou a morte, como escarmento, de ducias de persoas afíns aos cárteles. Xustiza retributiva pero nada proporcional. Por un dente cen dentes, por un ollo, cen ollos.

A liberdade de expresión, pola súa parte, non se leva nada ben coa campaña para criminalizar as cadeas de televisión rusas que emiten en inglés e para censurar a internet. Centos de mozos están comezando a ser contratados, a maioría nos Estados Unidos, para localizar mensaxes terroristas e informacións falsas. Pero, onde empeza e onde acaba ese labor? Non era Occidente o que criticaba hai pouco a China por facer o mesmo?

A retórica occidental está feita con medias verdades. Os datos apuntan a que Trump representa, entre outros, o sector petroleiro dos Estados Unidos, mentres que a súa alternativa demócrata está máis perto de Wall Street, quen, á súa vez, controla os medios de comunicación. E os dereitos humanos? Os dereitos humanos forman parte desta guerra de propaganda. 

Comentarios