Xornadas en Vigo sobre as facetas do escritor

Poliedro Ferrín

Non hai un só Ferrín. Está o autor de libros centrais en todos os xéneros como Con pólvora e magnolias (1976), Arraianos (1992) ou Bretaña, Esmeraldina (1987). Está o escritor de intervención na prensa. Está o militante da esquerda nacionalista dende a refundación despois da Guerra Civil. Todas as faces do poliedro serán analizadas nas xornadas Os mundos de Ferrín do Ateneo de Vigo.
 

ferrín AELG
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín. Foto: AELG.

Con formato de mesa redonda e distribuídas ao longo de catro quintas feiras entre o 20 de setembro e o 18 de outubro na Casa Galega da Cultura e mais no Antigo Reitorado (a última), os debates comezarán co titulado Crónica de Nós. Ferrín e o xornalismo. Participarán Rosa López Fernández da Trabe de Ouro -a revista de pensamento crítico fundada e dirixida polo escritor-, o académico Xosé Luís Axeitos, o xornalista Gustavo Luca de Tena -histórico da Nosa Terra-, Xosé Ramón Pena -coordinador do suplemento Faro das Culturas do Faro de Vigo- e o profesor Xosé Manuel Salgado.

cartaz os mundos de ferrín

O 27 de setembro, os poetas Manuel Outeiriño, Darío Xohán Cabana, Xabier Cordal, Helena de Carlos e María do Cebreiro analizarán a súa obra poética. Entre a pólvora e as magnolias será o epígrafe. Á seguinte semana, o 4 de outubro, será a quenda da narrativa: O tempo nos espellos. Falarán de novo Xosé Ramón Pena, a crítica Ana Salgado e mais as novelistas Rexina Vega e Anxo Angueira.

Os mundos de Ferrín rematará o 18 de outubro no Antigo Reitorado cunha palestra sobre o compromiso político do escritor. A deputada de En Marea e dramaturga Ánxeles Cuña, Xosé Manuel Beiras, Manuel San Severiano Caxide, o escritor Antón Dobao e o economista Xavier Vence serán os relatores.

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), unha das principais figuras da literatura galega contemporánea, influínte en innúmeras xeracións de escritoras e escritores, fixo recentemente 80 anos. “Desde o Ateneo Atlántico cremos que é o momento de renderlle unha homenaxe cidadá a esta figura imprescindíbel”, di a organización das xornadas, “en recoñecemento ao seu labor inestimábel durante décadas como docente, escritor, intelectual ou animador cultural”.

Comentarios