En liberdade con cargos o activista de Coia detido por se manifestar nas obras da rotonda

Activistas da asemblea veciñal denuncian que o goberno local está a actuar con "puro fascismo" e advirten que "a loita continúa". VÍDEO NO INTERIOR.

Asemblea aberta de Coia
photo_camera [Imaxe Asemblea aberta de Coia]

Esta tarde foi posto en liberdade con cargos o activista da Asemblea aberta de Coia detido na cuarta feira durante o protesto na rotonda da avenida Castelao. Segundo informaron fontes veciñais a Sermos Galiza o veciño enfrontará na xornada de mañá (8 de xaneiro) un xuízo rápido acusado de "atentado á autoridade". 

A asemblea aberta de Coia convoca para as 11:45h unha concentración de apoio perante os xulgados da cidade olívica (rúa Lalín) e lembran que as persoas que integran o colectivo desenvolven accións de "resistencia pacífica" mais non violentos. 

Após máis dun mes de protestos na rotonda da avenida Castelao, no barrio de Coia (Vigo), esta cuarta feira (7 de xaneiro) a asemblea veciñal reanudou a protesta contra a colocación do Bernardo Alfageme mais a policía local --através do Grupo de Operacións de Apoio (GOA)-- desaloxou as persoas concentradas do interior da rotonda e procedeu á identificación da maior parte delas. 

"Na última asemblea decidimos volver á rotonda coincidindo coa incorporación dos operarios do sector da construción ao seu traballo", explica en conversa con Sermos Galiza o activista Xosé Sánchez. "Entramos na rotonda, porque está valada e fechada cunha tea. Por volta das 8:30h chegou un número moi importante de policía e foron empurrándonos até botarnos fóra". 

Denuncian que a policía fotografía a veciñanza que aplaude desde as fiestras en solidariedade coas persoas concentradas na rotonda 

Malia a actuación policial a veciñanza continúa nos arredores da glorieta para impedir que os operarios poidan proceder á instalación do buque. "O que está claro é que o noso obxectivo é paralizar a obra", apunta Sánchez. 

Desde a asemblea veciñal denuncian o "fascismo" co que está a actuar a policía local e o goberno de Abel Caballero. "Desde as fiestras hai persoas que nos aplauden" para lles amosar a súa solidariedade "e a policía sácalles fotos", denuncian. Unha actitude que non coidan democrática e que se suma ás sancións recibidas por varios condutores que premeron o claxón dos seus vehículos en apoio á veciñanza concentrada. Acción pola que foron sancionados con até 45 euros de multa. 

Investigación xudicial

A asemblea aberta de Coia afirma que non cesarán na súa loita contra a colocación do barco Alfageme, que tildan de "despilfarro" e manteñen a súa denuncia perante a Fiscalía na que se está a investigar un suposto delito de prevaricación na adxudicación das obras. O vindeiro 26 de xaneiro representantes do movemento veciñal reuniranse co fiscal quen considera suficientes os incidios presentados pola asemblea para iniciar a investigación. 

Vídeo de Roberto Solano

Comentarios