Informes policiais atribúen agora os incidentes do 22-M a grupos anarquistas e desbotan a participación de Resistencia Galega

Informes policiais aos que tivo acceso Europa Press colocan agora a responsabilidade dos incidentes ocorridos após a manifestación do 22-M en Madrid en organizacións de ideoloxía anarquista.

Semanas atrás, a Cadea SER dixo que fontes policiais apuntaban a unha hipotética escisión de Resistencia Galega como autora dos incidentes.

A información era absolutamente disparatada ao sinalar a participación de 150 activistas desa eventual esgazadura de RG [cando fontes do Ministerio do Interior estimaban que a matriz da suposta organización tería só 15 activistas disponíbeis].

Agora, son outros informes policiais, desta volta citados por Europa Press, os que exonerarían de toda responsabilidade á organización Resistencia Galega, grupo sobre cuxa existencia se ten aínda de pronunciar o Tribunal Supremo após estimar un recurso interposto polas defensas dos pres@s independentistas galeg@s.

Eses pres@s independentistas galeg@s non só negan a súa pertenza a organización armada algunha, senón que tamén teñen expresado o seu compromiso a favor das vías exclusivamente políticas e democráticas.

Sectores políticos e sociais da Galiza achan que Resistencia Galega só existe na imaxinación do Ministerio do Interior como unha estratexia de criminalización do independentismo e, por extensión, do nacionalismo galego.

Comentarios