A polémica polas comisións abusivas de Abanca toca tamén as empresas galegas

Abanca perde centos de clientas e clientes após iniciar o cobro de comisións en certas contas que até agora se beneficiaban do programa 'Cero comisións'. Entre as persoas afectadas, que xa se están a organizar para convocar en actos de protesta e recolleren sinaturas, hai tanto particulares como empresas, autónomas e outros colectivos.
Oficina de Abanca (Abanca)
photo_camera Oficina de Abanca (Abanca)

O semestre comezou para moitas clientas e clientes de Abanca coa "sorpresa" do cobro de comisións polo mantemento das súas contas. Son 50 euros ao semestre (42 euros de comisión de mantemento e outros 8 de administración) que a entidade presidida por Juan Carlos Escotet cobra no caso de que non se cumpran determinados requisitos de vinculación, como a domiciliación de nómina ou pensión, o emprego da tarxeta de crédito ou o mantemento de determinado saldo medio, entre outros.

Mais esta nova política de comisións tamén está a pasar factura ás empresas e ao conxunto de autónomos da Galiza, así como ás asociacións, comunidades veciñais, sociedades civís ou comunidades de bens, que en moitos dos casos teñen moi difícil cumprir co que lles pide o banco para non ter que pagar polas súas contas, aínda que algunhas delas poden negociar directamente co banco.

A asociación de persoas consumidoras Acouga está a canalizar boa parte das reclamacións das particulares, mais, como apunta a Nós Diario o avogado Xoán Antón Pérez Lema, "neses casos teñen que acudir ás oficinas e tratar de negociar directamente co xestor", salvo que se trate de comunidades de propietarios, que se poderían considerar clientes e clientas particulares e, por tanto, estarían habilitadas para dirixir as súas reclamacións a través de organizacións como Acouga

En opinión do avogado, con este cambio de política Abanca está "errando o tiro", xa que no canto de aproveitar a forte base de persoas consumidoras que ten na Galiza, está a autoinfrinxirse un "dano reputacional" e a expor os seus "grandísimos" recursos humanos. "É unha mágoa que a dirección non teña isto claro. Confío en que sexan quen de rectificar", indica Pérez Lema. 

Sen nada a cambio

Desde o Sindicato Labrego Galego consideran que Abanca está a empregar esa posición de dominio que ten no país para levar a cabo unhas prácticas de cobro "abusivas" e sen ofrecer "ningún servizo a cambio". 

Segundo explica a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, en declaracións a Nós Diario, trátase dun "secuestro" a moitas clientas e clientes que non teñen alternativa bancaria no seu territorio, "unha extorsión e un abuso" que, como denuncia, está a ter un "forte impacto social".

Neste senso, Vilalba sinala que o cobro de comisións está afectando colectivos desfavorecidos, como pensionistas con baixas prestacións que están "indefensas" ante a actitude de Abanca que, como lembra, "beneficiouse no seu día dun millonario rescate bancario".

Ademais, no sindicato falan de "exixencias á carta" para a clientela. Así, Vilalba apunta que  hai persoas ás que lles pasan ao programa 'Cero comisións' cunha nómina domiciliada, un saldo medio de 500 euros e unha tarxeta co gasto fixado pola entidade, e outras ás que, coas mesmas condicións, exíxenlles a contratación dun seguro a maiores. 

Tamén critica que os criterios sexan por conta, e non por clientela. Así, pode darse o caso de que unha persoa teña dúas contas na entidade, unha para a operativa ordinaria e outra de aforro, cumpra os requisitos para beneficiarse do programa 'Cero comisións', é dicir, que teña unha alta vinculación coa entidade, e, aínda así, esta lle cobre polo mantemento da de aforro.

Colectivos vulnerábeis

Yolanda López, unha das afectadas e promotora dunha recollida de sinaturas na plataforma Change.org contra o cobro de comisións abusivas de Abanca, denuncia tamén casos de persoas que, após xirarlle as comisións, marcharon da entidade e esta "cobroulles a parte proporcional das comisións polos días do semestre que a mantiveron aberta", ou de persoas con minusvalía ás que, pese a estar amparadas pola Lei de protección ás persoas vulnerábeis, tamén lles cobraron polo simple feito de ter a conta aberta.

Fontes da entidade consultadas por este medio sinalan que están a respectar os dereitos destes colectivos. Con todo, recoñecen que puido haber algún caso de persoas en paro, afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou de grupos especialmente vulnerábeis aos que se lles cobrase por erro. Nese caso, recomendan presentar unha reclamacións para que lle sexan devoltos os cartos "inmediatamente".

Máis de 115.000 sinaturas

Yolanda López insta Abanca, a través da súa petición, a eliminar o cobro destas comisións. Segundo relata a este diario, tomou a decisión de xuntar apoios na rede, non só como usuaria afectada, senón coa intención "de que algo mude" no sistema. "Hai xente maior que non sabe defenderse e por iso lancei esta campaña, para resolver o meu problema, pero tamén para axudar a todo o mundo".

Onte xa recollera máis de 115.000 apoios de clientas e non clientas de Abanca, feito que a aproxima ao seu obxectivo de reunir 150.000 sinaturas para presentalas ante a Xunta, Consumo, Comisión Nacional dos Mercados e Competencia (CNMC), o Banco de España "e quen faga falta". Tamén anima a que as afectadas pasen pola súa sucursal e presenten unha reclamación formal.

Comentarios