Póker de medallas para o ciclismo galego en Valladolid

Lara Lois, Pablo Rodríguez, Iván Feixoo e Manuel Ángel Parada fixeronse co bronce no Campionato de España de XCO.
podio_lara_valladolid
photo_camera Lara Lois, á dereita, logrou o seu primeiro metal a nivel estatal (Federación Galega de Ciclismo)

Póker de medallas de bronce para a representación galega no Campionato de España de XCO que se disputou a fin de semana en Valladolid. A grovense Lara Lois (Selección de Galiza) e o macedán Pablo Rodríguez (BH Templo) finalizaron terceiros o domingo nas carreiras da categoría Elite. Os seus podios sumáronse aos acadados a xornada anterior polo sub23 Iván Feixoo e o máster-30A Manuel Ángel Parada.

Especialista en probas de BTT Maratón, Lara Lois espremeu a súa condición de fondista para colgarse o seu primeiro metal a nivel estatal nun campionato de Cross Country Olímpico. Lucindo as cores do combinado nacional, a biker do Extol MTB soubo administrar as súas forzas no enlamado e esvaradoiro circuíto do Cerro de las Contiendas. Comezou a última volta fóra dos postos do caixón e acabou cruzando a liña de meta co mesmo tempo que a subcampioa.

E dous anos despois, Pablo Rodríguez volveu pisar o caixón Elite no Campionato de España. O corredor de Maceda protagonizou un duelo a tres bandas na proba raíña masculina con David Valero (MMR) e Sergio Mantecón (Kross Racing). Unha batalla sobre o barro en que o galego do BH Templo tívose que conformar co bronce.

Mantecón comezou mandando, mais Valero e Rodríguez tomaron o mando no segundo dos sete xiros ao Cerro de las Contiendas. As dúas últimas voltas resultaron do máis emocionante. O do Kross Racing chegou a alcanzar ao dúo de cabeza xusto antes de que o defensor do título cambiase o ritmo e abrise oco en solitario.

Sub23 e Máster-30A

E na xornada do sábado foron Iván Feixoo (Selección de Galiza), na proba sub23, e Manuel Ángel Parada (Rsbike Boiro), máster-30A, os que subiron ao podio para recoller senllas medallas de bronce. Miguel Rodríguez, quinto na carreira júnior lucindo as cores do combinado nacional, tamén tivo unha brillante actuación.

Actual campión de España de ciclocrós, o alaricense Feixoo atopouse no Cerro de las Contiendas un escenario ao que está afeito: un terreo enlamado polas chuvias caídas na noite anterior e na primeira metade da carreira.

E Rodríguez impúxose ao esprinte na recta final a Álvaro Martín (Bikes Armilla). O seu compañeiro de equipo, Iván Pereira, foi sétimo nos máster-30B. Miguel Ángel Arias (Extol MTB) rematou oitavo nos Máster-40B e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas), cuarto nos máster-50B.

Comentarios