Poio, epicentro da ameixa

A Festa da Ameixa, que decorrerá do 13 ao 15 de setembro en Campelo, é o evento gastronómico máis antigo do municipio de Poio.
APOIO
photo_camera Marisqueo na ría de Pontevedra.

Poio ten todo preparado para a cita gastronómica máis arraigada: a da ameixa. Unha festa que terá lugar na parroquia de San Xoán de Poio, en Campelo, que conta cunha lonxa que é líder na facturación de bivalvos da ría de Pontevedra. A ameixa babosa é a protagonista da principal desta festa.

Nada en 1988 por iniciativa da Asociación de Veciños de Campelo para dar a coñecer a ameixa autóctona e o traballo das xentes do mar, a cita gastronómica é organizada polo Concello desde 1992 e non deixa de medrar en número de visitantes. Á mariñeira, con fideos, con arroz... a degustación de perto de 600 quilos de ameixas é unha das actividades da festa, que tamén homenaxea as mariscadoras e mariscadores a pé e a flote xubiladas en 2018. 

Nesta trixésima segunda edición, o Concello de Poio convoca o III Concurso de Fotografía Festa da Ameixa “Un mar de Lembranzas”. Exporanse as obras participantes e entregaranse os premios ás tres fotografías gañadoras. Ademais, contempla un amplo programa de actividades destinadas ás crianzas entre as que destaca o III Desembarco Pirata, obradoiros infantís e xogos dinámicos.

O prato forte da oferta musical chega da man do galego Roi Casal, co espectáculo Son galego, son cubano, do arxentino Coti e da orquestra Gran Parada, actuacións que terán lugar de balde na praza da Granxa. Ademais, o Certame de Canción Mariñeira acollerá bandas musicais procedentes de toda Galiza.

O produto

Ameixa branca, ameixa macho, ameixola, cadela, chirla... son varios os nomes cos que se denomina o bivalvo estrela da ría de Pontevedra: a babosa, Venerupis corrugata. Vive enterrada nos sedimentos de area lamacenta na costa galega. Medra en bancos de area fina, cascallo ou limos, desde o límite da baixamar até profundidades de 40 metros.

Cunha cuncha de cor gris pálida ou acastañada, con manchas irregulares máis escuras e da mesma cor marrón ou púrpura, presenta estrías lonxitudinais que resultan moi visíbeis. As radiais son máis tenues, polo que non amosan a cuadrícula típica da ameixa fina ou da xaponesa. Os dous sifóns unidos en toda a lonxitude agás no extremo permiten diferenciar a ameixa babosa doutras especies. A súa captura faise normalmente co rastro ou vara, desde embarcacións, e tamén se recolle co sacho, na seca. Aínda que pode consumirse crúa, o máis común é comela cociñada. 
 

Comentarios