Poetas convidan nunhas xornadas a levar os versos ás aulas

Poetas como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Dores Tembrás, Fran Alonso, Antonio García Teijeiro., Carlos Negro ou Antía Otero son algúns dos nomes que integran o programa da xornada “Versos pintados no pupitre” que terá lugar os días 13 e 14 de decembro organizada pola AELG e a AS-PG. O obxectivo, animar a ensinantes para que a poesía chegue ás aulas. 

Detalle do cartaz das xornadas
photo_camera Detalle do cartaz das xornadas

As III Xornadas Literatura e Ensino, co título “Versos pintados no pupitre” terán lugar os días 13 e 14 de decembro no Auditorio da Cidade da Cultura de Galiza, organizadas pola AELG e a AS-PG e destinadas ao profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes. 

O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo abrirá as xornadas co relatorio “Poesía para xente miúda”, ao que seguirá a mesa redonda titulada “O Club d@s poetas viv@s” na que participarán Fran Alonso, Antonio García Teijeiro e Elvira Riveiro. 

Montse Penas, Anxos Rial e Romina Bal debullarán as maneiras de achegar os versos ás aulas nunha mesa redonda o sábado á mañá á que seguirán obradoiros de expresión escrita de Antía Otero, Dores Tembrás e Carlos Negro. O escritor Antonio Reigosa convidará a aproveitar de maneira didáctica o arquivo de tradición oral da RAG na súa conferencia de tarde, antes de que Rosalía chegue ás xornadas coa voz de tres mulleres que interpretaron os seus versos de moi distintas maneiras en recentes libros-CDs, Uxía en “Rosalía pequeniña”, Najla Shami con “Na lingua que eu falo” e Aid nos seus “Rapoemas”. A actuación das tres cantantes porá fin ás xornadas no Monte Gaiás. 

A organización márcase como obxectivos, entre outros, a revisión e actualización da transmisión didáctica da poesía no ensino obrigatorio e posobrigatorio e analizar as estratexias “de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura poética por parte do público infanto-xuvenil”.

A matrícula é gratis e está aberta neste enlace. 

Comentarios