Xela Arias, protagonista do Día das Letras 2021

Xela Arias, unha elección con grande acollida e á vez con polémica

A poeta Xela Arias será a autora honrada nas Letras Galegas do ano que vén. A decisión da Real Academia Galega converte a autora na quinta homenaxeada en 58 anos de celebración. Un feito acollido con ledicia no eido da docencia, do feminismo e da cultura pero tamén con certa polémica, por chegar este nomeamento seis meses despois do habitual. Percorremos a vida e a obra desta autora, lembramos as voces que desde 2014 a propoñen como homenaxeada e aquelas, como A Sega, que xa a festexaron en 2019, no Día das Galegas nas Letras.
2019022410564893439
photo_camera A poeta Xela Arias en outubro do ano 2003, só un mes antes do seu pasamento. (Foto: Lois A. C.)

O pasado 22 de decembro, a Real Academia Galega (RAG) facía o anuncio de quen sería a persoa homenaxeada no Día das Letras de 2021, tratábase da poeta Xela Arias, a voz dunha xeración "renovadora da poética galega", feminina e feminista, reivindicada polas autoras do seu e do noso tempo.

Na súa comunicación a Academia describía o facer de Xela Arias explicando que "concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar". E valoraba da autora "a pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, coa música e coa pintura".

Tanto os medios como as redes sociais foron reflexo, xa nestes últimos días, do valorada que é a creación literaria desta autora e o que supuxo para as nosas letras, mais tamén sacou á luz a necesidade de reivindicación do feminino nunha celebración con 58 anos de historia e que ten como día chave a publicación de Cantares gallegos, un 17 de maio de 1863, obra da muller de referencia da literatura galega, Rosalía de Castro. Desde que se lle dedicara a ela o Día das Letras, en 1963, só catro mulleres forman parte desa listaxe: Francisca Herrera, homenaxeada en 1987; María Mariño, en 2007; María Víctoria Moreno en 2018; e, agora, Xela Arias Castaño. 

“Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual que co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións soxulgadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean”, dicía Xela Arias nunha entrevista realizada en 1990 polo escritor Manuel Rivas e agora recuperada.

A plataforma A Sega reivindicou a poeta "transgresora e transcendente"

O feminismo e a modernidade de Xela Arias multiplícanse e multiplicaranse nas redes sociais e na prensa tamén en 2021. Entre as persoas que xa manifestaron a súa alegría polo nomeamento, tamén se atopa Francisco Castro, director de Editorial Galaxia, que explicaba que se trata "dunha poeta absolutamente moderna, incluso a día de hoxe" e felicita a Academia pola elección que, consideraba "conectará coa xente nova".

Unha conexión que pasará pola divulgación da súa obra no mundo docente, coas ferramentas e tecnoloxías que o Ano Carvalho se viu na obriga de exercitar por mor da Covid-19. E, precisamente na educación é onde Xela Arias pasou os últimos anos da súa vida, nos institutos de Chapela (Redondela), Vigo, A Sagriña (A Guarda) e Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Compostela).

Antes diso, a poeta xa fora traballadora de Edicións Xerais e tradutora. Un terreo no que a filóloga María Xesús Nogueira, estudosa da obra da poeta, salientaba tamén a súa importancia. "Creo que Xela Arias foi unha das primeiras tradutoras profesionais ao galego e, tanto unha persoa que fai tradución como a dedicada á edición traballa coa lingua, co discurso e, sen dúbida, tivo que influír tamén ese labor que supón unha lectura doutra literatura nos seus referentes literarios", explicaba en conversa con Nós Diario.

Unha reivindicación que comezou no xa no ano 2014

Diferentes organismos culturais, xente do mundo da crítica literaria, da tradución... Comezaron a propor a Xela Arias como homenaxeada polo Día das Letras xa en 2014, cando se cumprían os dez anos do seu pasamento. Naquela altura, defenderon o seu nome Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Xosé Fernández Ferreiro. Os outros candidatos ao Días das Letras Galegas de 2015 foron Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega, Manuel María e Xosé Filgueira Valverde, que resultou ser elixido.

Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!

Comentarios