Antoloxía da Poesía Galega Nova

Dez poetas galegas recitadas en grego

Dez poetas galegas foron traducidas ao grego nunha antoloxía bilingüe da editorial Vakxikon, titulada Antoloxía da Poesía Galega Nova. O libro preséntase o 9 de outubro en Atenas, nun acto no que dúas das autoras, Lara Dopazo e Gonzalo Hermo, recitarán os seus textos en galego.

Portada da 'Antoloxía de Poesía Galega Nova'
photo_camera Portada da 'Antoloxía de Poesía Galega Nova'

A libraría Public, na emblemática praza Syntagma de Atenas, acolle o 9 de outubro a presentación da Antoloxía da Poesía Galega Nova / Ανθολογία νέων Γαλικιανών ποιητών, unha tradución bilingüe de dez poetas galegas ao grego. Procurando o equilibrio, cinco mulleres e cinco homes compoñen a escolma feita por Manuela Palacios: Tamara Andrés, Gonzalo Hermo, Jesús Castro Yáñez, Alba Cid, Francisco Cortegoso, Antón Blanco, Arancha Nogueira, Rosalía Fernández Rial, Lara Dopazo e Xabier Xil Xardón.

Foi a propia editora responsábel, Vakxikon, quen contactou Palacios para incorporar as poetas galegas á súa colección “Anthologies of Young Poets”, pola que a traduce poetas mozas de toda Europa, coa condición de seren menores de 40 anos e teren entre un e tres libros publicados. Galiza súmase así a Suecia, Francia, Romanía ou Irlanda, sendo a primeira das nacións sen Estado de España en ver publicadas as súas autoras máis novas. Con todo, as de Catalunya e Euskal Herria xa están en camiño.

O editor Nestoras Poulakos e o crítico Thanasis Vavlidas presentan o evento, no que recitarán os seus textos dúas das autoras incluídas no libro: Lara Dopazo e Gonzalo Hermo. A tradutora Sofia Karatza, responsábel da tradución xunto a Teresa Pardo, tamén estará no acto. Ambas encararon un traballo inmenso, pois como afirma Palacios “non son poetas doadas de traducir”.

Un duro camiño

A editora publica aproveitando subvencións existentes para as diferentes linguas ás que se achega. No caso galego, foi un proceso moi complexo, xa que as editoriais estranxeiras que se presentan ás axudas á tradución que convoca a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria atopan bastantes atrancos para se postularen. As propostas só se admiten en galego ou castelán e a aplicación telemática non recolle datos de fóra do territorio español. Vakxikon rematou enviando a documentación por correo postal, mais quedou excluída por ter a data de entrega fóra de prazo, aínda que a de envío quedara dentro. Finalmente, a publicación saíu adiante coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Comentarios