Opinión

Poesía e democracia en Walt Whitman

O pasado 31 de maio cumpriuse o bicentenario do nacemento do poeta norteamericano, Walt Whitman (1819-1892). O poeta necesario para convivir diariamente co seu legado literario. Humanista, civilista, naturalista e comprometido coa democracia pluralista, sen ambigüidades e de activa ilustración. En 1855 publicou o seu pletórico poemario: “Leaves of Grass” (“Follas de Herba”). Toda esa follaxe xermolou patriotismo naquela segunda metade do século XIX norteamericano. Un tempo de conflitos expansionistas alén dos territorios anexionados a México; a guerra secesionista, na que Whitman participou cos unionistas; tempos dun capitalismo en acción perversa e de superioridade, e da consolidación dos Estados Unidos de América, en seu formato contraditorio. En “Follas de Herba” está unha ampla verificación das realidades e actitudes daqueles anos de convulsión depredadora que mantiñan certas elites da sociedade norteamericana, deseñada como patriótica. A versión patriótica que practicou Whitman, estaba bastante lonxe do patriotismo capitalista que practicaban as clases dominantes. Aínda que el participase na guerra unionista e loase en seus poemas épicos as glorias dos exércitos ianquis sobre o exercito racista e escravista do sur manifestou o seu malestar polo que sempre implica unha guerra fratricida. Escribiu un diario de guerra, no que se ve que estaba atrapado naquel horror, cargado de lirismo ético e de crítica pacifista que nos lembra as inadmisíbeis catástrofes que producen as guerras. Estes escritos de Whitman lévannos a esa outra conmoción narrativa de Tolstoi en, “Guerra e Paz”.

A versión patriótica que practicou Whitman, estaba bastante lonxe do patriotismo capitalista que practicaban as clases dominantes

O patriotismo entendido pola sociedade norteamericana daquela época, contrastaba co pensamento patriótico de Walt Whitman, este recluíase nunha forte dose de nacionalismo que desbotaba aquel patriotismo de superioridade que esgrimían agresivamente os gobernos norteamericanos contra outras nacións. O nacionalismo de Whitman non era de conquista da nación foránea, por iso tivo interpretacións non axeitadas ao que se manifesta en “Follas de Herba”, sobre a construción do país. O énfase que pon nos seus poemas describe esa individualidade e ese orgullo patriótico exhibido pola sociedade do seu tempo, mais aí esta o latexo nacionalista inclusivo de Whitman, cando di: “Ollade, corpo e alma, este país”, advertindo de algo importante sobre a inclusión en liberdade e igualdade de mulleres e homes, de negros e brancos, lonxe de cuestións racistas e conflitos entre relixións. Tamén aportou anticipos de mudanza para descubrirnos empiricamente, como di un dos seus versos: “As verdades están latentes nas cousas”. Desta advertencia non pode que non se decataran os norteamericanos, ou tiveran capacidade para escudriñar a verdade. Aquela prédica desmedida, arrogante e exclusivista, contribuíu a que a sociedade considerárase demócrata dunha maneira banal e infantil. Mais a democracia futurible, capaz de perfeccionarse de unha maneira humana para loar as conquistas de benestar colectivo e de paz social, eran as que estaban no ideario demócrata de Whitman. Isto non era un simple arrouto do poeta, era mesmo unha xenialidade idealizante que xurdía do fervor nacionalista e democrático que el percibía para a cidadanía norteamericana. Unha postura que non é difícil de constatar en “Follas de Herba”.

Dicía Henry David Thoreau, o seu vello amigo e da mesma xeración: “Whitman é o demócrata mais importante endexamais coñecido no mundo”

Dicía Henry David Thoreau, o seu vello amigo e da mesma xeración: “Whitman é o demócrata mais importante endexamais coñecido no mundo”. Pode soar a altilocuencia, mais Thoreau coñecía puntualmente o ideario de seu admirado amigo e a súa implicación nun amplo temario sobre as circunstancias polas que pasaban os Estados Unidos naquela conflitiva e última metade do século XIX. Os dous compartiron puntos de vista moi esenciais en todo aquelo que implicaba cambios sociais e unha crítica e un debate sobre a sociedade de seu tempo. Ademais coincidiron en propostas naturalistas, e compartiron ideoloxía. O pensamento de Thoreau, manifestado nos seus primordiais libros: “Walden” e “Desobediencia Civil”, está relacionado con boa parte do que manifestou Whitman en “Follas de Herba” e “Perspectivas democráticas”. Este último libro é un ensaio sobre a Guerra de Secesión, onde exerceu de enfermeiro da tropa en combate. Mais tamén é un tratado democrático e ecoloxista, no que se visualiza esa restrinxida, deturpada e inconclusa democracia norteamericana, vista por Walt Whitman desde un escenario onde os actores políticos estimulaban unha enorme precariedade democrática.

Whitman matizou algo substancial sobre a ancorada sociedade norteamericana e con ela a democracia. Sostiña que unha cidadanía imbuída e institucionalizada por un molde conservador e de moralidade relixiosa, non deixaba de ser un implacábel modelo que seducía aos cidadáns cara un reducionismo de alienación e escurantismo. Isto dificultou que se conseguira un modelo democrático avanzado para edificar unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes: “A igualdade perfecta do home e da muller”. En todas estas anomalías e vivencias constatadas por Whitman, o levaron a enaltecer en seu cántico libertario algo moi transcendente como era o pacifismo, desde un parámetro nacionalista. No poema: “Ao partir de Paumanok”, sinala: “Farei unha canción para estes Estados, para que ningún Estado se someta a outro”. Mais o seu nacionalismo confirma a súa oposición imperialista e ás anexións previstas na axenda gobernamental e capitalista, explicando: “A depravación do mundo dos negocios do noso país non é menor do que se pensaba, senón, ao contrario, infinitamente maior”. Naquelas circunstancias maximalistas, Walt Whitman, no seu relato social e punzante: “Os negocios todo o devoran polos medios que sexan, con ese afán pecuniario”. Toda unha crítica solvente contra o imperialismo asoballador, tan achegada e directa á que contemplamos en Thoreau.

Walt Whitman foi o poeta democrático que loitou polos dereitos civís e contra o racismo. Escribiu un dos libros de poesía con maior impacto no século XIX, e que continúa sendo referencia para as sociedades que tentan liberarse

A submisión dos negros por métodos escravistas foi outro dos temarios mais importantes en “Follas de Herba”. Whitman foi un deses voluntarios de guerra que loitou contra a abolición da escravitude e pola liberdade dos negros. No apartado: “Memorial do Presidente Lincoln”, en “Follas de Herba”, exalta ao presidente asasinado como capitán de unha odisea liberalizadora, con esta proclama: “Escravitude -a conspiración asasina, aleivosa, impoñéndoa sobre a ruína dos demais, / Avante, avante, a loitar contra ela -Asesino!, ou a túa vida ou a nosa, nada de tregua”. Walt Whitman foi o poeta democrático que loitou polos dereitos civís e contra o racismo. Escribiu un dos libros de poesía con maior impacto no século XIX, e que continúa sendo referencia para as sociedades que tentan liberarse. Nos seus poemas hai varios relatos das peripecias nacionais e sociais dos Estados Unidos. Considerado o poeta nacional. Un enorme creador, digno de ser conmemorado. O seu exemplo democrático dignifica a poesía humanista, existencialista e liberadora. A súa voz de misterio e liberdade non deixa a ninguén indiferente. Douscentos anos do seu nacemento, non permiten que ningunha lousa sepulcral anule a súa memoria e a súa lealdade por un universo libre.

Comentarios