Eduardo Estévez publica '[sen-fin]'

Poemas como filmes

Unha persoa sentada na cociña. Penumbra. Despois, a mesma persoa nun deserto. Está calmada, pero o seu rostro axítase lenemente. A imaxe regresa á cociña. Parece unha secuencia dun filme pero é o núcleo argumental dun poema. En concreto, dun poema do último libro de Eduardo Estévez, [sen-fin] (Positivas, 2019).
 

Eduardo Estévez.
photo_camera O poeta Eduardo Estévez. Foto: AELG.

“a escena comeza / cun cadáver / boca abaixo no centro da rúa”, principia a obra, “non pasan coches / nin xente / a esta hora da mañá / os domingos”. Sen maiúsculas, sen voz alta, como un cinematógrafo que enmarca a realidade, atento aos detalles, con significadísimos fóra de campo e sobriedade metafórica, a orixe de [sen-fin] confirma a súa aparencia fílmica.

Sen-fin.-Eduardo-Estévez

“O libro escribino antes dos dous últimos que publiquei, de baleas (2017) e nós-dentro (2018). Acabara o proceso de Entrar na casa [en colaboración co fotógrafo Nachok], que fora moi negociado, e apetecíame escribir ao meu aire”, conta Estévez (Bos Aires, 1969) a Sermos Galiza. Era 2013. Decidiu daquela recuperar bosquexos dun caderno de notas en que, tempo atrás, recollera ideas para videopoemas.

A situación resultáballe rara. El sempre preferiu escribir no computador ou no móbil. E aqueles prototipos de guión que quedaran en nada convertíanse agora en poemas, inzados de cortes, secuencias e fundidos. “o movemento das pólas / detrás das cortinas / translúcidas / fai xogos de luz / no papel da parede”, di cuarto de hotel, “comezan a oírse voces / nun cuarto contiguo // discuten // a cámara permanece fixa”.

A soidade da vida moderna e o absurdo apenas entornado do cotián. A poética dos obxectos e as trampas da memoria. A ollada espida sobre a cidade e personaxes como de cadro de Hopper. Esa luz que redefine as cousas a cada paso. [sen-fin] é ademais un álbum de fotos, postais lacónicas pero narrativas, a non tanta distancia doutros traballos de Estévez.

“É certo que a fotografía sempre me interesou moitísimo. Unha vez participei nunha instalación con tres artistas e busquei os meus poemas con referencia á foto. A verdade é que tiña unha morea”, explica, “pero non tanto ao vídeo. En [sen-fin] hai a imaxe en movemento e non tanta influencia do haiku como noutros libros”. “se a cámara se sitúa / á hora precisa / no mesmo punto e encadre / que calquera das vistas / de madrid de antonio lópez / as cores irán mudando / a medida que se fai / de noite”.

[sen-fin] toma o título dun filme do arxentino Cristian Pauls estreado en 1988 e baseado no célebre relato de Julio Cortázar Casa Tomada. Eduardo Estévez xa o presentou na libraría Chan da Pólvora en Compostela. Vindeiros actos serán en Xunqueira de Ambía (1 de xuño), Bertamiráns (22 de xuño) ou Ferrol (28 de xuño). 

Nota: detalle do cartaz da presentación de [sen-fin] na libraría Chan da Pólvora de Compostela baseado na cuberta do libro.

Comentarios