TITO RODRíGUEZ LóPEZ, GANDEIRO

"Queremos vivir con dignidade, un prezo mínimo para o leite"

Este sarrián conta con 86 cabezas de gando e produce 1.300 litros de leite diarios. Irá á tractorada do 7S a Compostela.

Tito Rodríguez
photo_camera Tito Rodríguez [Imaxe cedida]

Tito Rodríguez é un dos nomes propios que poñen faciana á crise do sector lácteo. Conta con 86 cabezas de gando na súa explotación localizada a 3 km. da vila de Sarria. Cada día muxe 1.300 litros de leite. Asistiu a todas as tractoradas en Sarria e Lugo, agora viaxará a Compostela -a tractorada convocada para o 7S- para continuar a defender o seu traballo. "A tensión comeza a sentirse" e, advirte, "a xente está desesperada, quere tomar a xustiza pola man". 

Cal é o ambiente que se respira entre os produtores?
Vese moita unión porque se a xente non sae agora, non sei cando vai saír. 

Cal é a situación agora mesmo?
Lonxe de mellorar empeorou. Imos á baixa. No meu caso teño un contrato asinado polo que me pagan o 70% do leite a 0,29€, o 20% polo valor do leite en pó mais non sabes a canto até que o vendes e o outro 10% igual. 

Como ves a actitude do goberno galego?
Tennos abandonados. É unha falta de respecto. Estamos a perdas. Eu podería aguantar sen gañar nada pero a perdas non. Falan dos 300 euros pero hai máis vacas que euros. Isto serve para saltar un bache porén, para nada máis. 

"Podería aguantar máis sen gañar nada pero a perdas non"

Irás á tractorada de Compostela?
Fun a todas. A tensión aumenta, a xente quere tomar a xustiza pola man. Estamos desesperados. 

Como se ergue un cada mañá para muxir as vacas con esta situación?
Desanimado. Tento sacar cartos de onde non hai. Dinnos que van adiantar a PAC mais a maioría de nós xa a temos anticipada polo banco porque non damos pagado. 

Cales son as medidas máis urxentes?
Nunha palabra, o prezo. O resto que nos poden prometer son parches, esmolas. Queremos vivir con dignidade. Un prezo mínimo. Todo o resto nada pois todo o mundo está pillado polas letras [débedas]. Dan plans de mellora para a mocidade mais, para que? se despois non dan pagado. O que non se pode é estar a perdas. 

Comentarios