IGLESIAS CONSIDERA O EXéRCITO "ELO FUNDAMENTAL DA DEMOCRACIA"

Podemos ficha o ex xefe do Estado Maior da Defensa como candidato ao Congreso por Zaragoza

[Imaxe: Wikipedia]  Julio Rodríguez Fernández
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Julio Rodríguez Fernández

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, anunciou esta mañá a designación do ourensán Julio Rodríguez, ex xefe do Estado Maior da Defensa e xeneral do Aire na Reserva, como número dous ao Congreso por Zaragoza, “é un dos militares cunha traxectoria máis prestixiosa do noso país”, afirmou o secretario xeral de Podemos.

Pablo Iglesias salientou que para Podemos “as Forzas Armadas son un elo fundamental da democracia”. Adiantou, ademais, que pensa no ex xefe do Estado Maior como ministro de Defensa, “será unha honra que acepte ser o meu ministro de Defensa cando formemos goberno”.

Iglesias: "Non imos estar dentro dun búnker. Somos os únicos que podemos garantir a unidade do país

O líder de Podemos aproveitou o anuncio da fichaxe do xeneral para volver facer alusión á “unidade” de España, “non imos estar dentro dun búnker. Somos os únicos que podemos garantir a unidade do país”.

Nado en Ourense en 1948, Julio Rodríguez, do que Iglesias salienta que é “un home que dedicou a súa vida a defender o seu país”, ocupou a Xefatura do Estado Maior da Defensa de 2008 a 2011 e na actualidade é presidente da Xunta Directiva do Foro Milicia e Democracia. Para poder formar parte da candidatura de Podemos, tivo que solicitar o paso de reservista á situación de retiro.
 

Comentarios