Aínda que 70 por cento das inscritas de Podemos votaron na consulta interna por un goberno de coalición co PSOE sen vetos, a formación morada non considera a presenza de Iglesias no gabinete unha "liña vermella", isto é, unha conditio sine qua non para dar vía libre ao que sería o primeiro executivo composto por dúas forzas políticas no actual réxime político español.
As reaccións dos máximos dirixentes de Podemos non se fixeron agardar. Esta sexta feira, Pablo Iglesias reclamou "paciencia" e deixou entrever que o asunto da investidura se podería resolver en setembro, a anticipar un hipotético "non" a Sánchez da formación morada no pleno do Congreso da próxima quinta feira.
Por súa parte, Irene Montero combinou dúas mensaxes. A primeira, o de considerar que o veto interposto a Iglesias por parte de Sánchez é un veto ao conxunto de Unidas Podemos. A segunda, a de enfatizar que Podemos non pon ningunha liña vermella nas negociacións. Isto é, todo estaría aberto a ser negociado. Tamén a eventual exclusión do máximo dirixente morado no gabinete.
Nas últimas horas, Montero ten aparecido ela propia como unha opción seria para integrar o goberno. "O principal atranco é Iglesias. Falemos de que participen outros membros de Unidas Podemos", dixo en conferencia de imprensa Adriana Lastra. E interpelada directamente ao respecto non desbotou que na fórmula final poda aparecer a número dous da formación esquerdista.