Eleccións

Podemos defende encabezar a lista da confluencia

O nome de Antón Gómez-Reino é o que máis soa no partido morado para liderar a súa candidatura propia.
O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-reino (Europa Press).
photo_camera O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-reino (Europa Press).

O espazo das forzas da esquerda galega á esquerda do PSdeG segue en apuradas negociacións para intentar pechar unha nova confluencia para as eleccións galegas do vindeiro 5 de abril.

Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica falan de "responsabilidade" e "xenerosidade" á hora de afrontar as conversas precipitadas polo adianto electoral. Mais as po-sicións semella que comezan a enrocarse.

Segundo fontes de Podemos Galiza consultadas por Nós Diario, a formación morada "non valora" outro escenario que non pase porque a candidata que saia das súas primarias sexa a que represente a toda a confluencia nos comicios.

As primarias de Podemos contemplan un proceso de votación que vai do 21 ao 25 de febreiro e que o reconto se leve a cabo o día 26 para, así, proclamar a unha candidata o 27, xusto dous días antes de que o seu líder, e vicepresidente do Goberno do Estado, Pablo Iglesias, aterre na Galiza.

Podemos defende xogar un papel hexemónico na confluencia e fai fincapé na súa "lexitimidade" para seguir esta liña. Desta maneira, segundo puido saber onte Nós Diario, destacan que as forzas soberanistas "teñen que darse conta do peso específico que teñen" e dos "resultados" que tiveron as candidatas que poden chegar a propoñer desde ese partidos, entre os que están Anova e as mareas municipais.

O nome que soa con máis forza para liderar esa candidatura triunfadora nas primarias de Podemos Galiza é o de Antón Gómez-Reino, actual portavoz da coalición Galicia en Común no Congreso das Deputadas.

Gómez-Reino, que no día de hoxe podería anunciar a súa candidatura ás citadas primarias moradas, contaría co apoio do propio Pablo Iglesias para tomar esta decisión.

Comentarios