A poboación galega en risco de pobreza aumenta a 20%, máis de medio millón de persoas

40,8% dos fogares galegos non pode permitirse ir de vacacións e 5,7% ten moita dificultade para chegar a fin de mes.

Xente camiñando_Youtube

20% da poboación galega, unhas 540.000 persoas, vive en risco de pobreza en 2019, segundo a 'Enquisa de Condicións de Vida' publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta taxa increméntase en máis dun punto respecto ao ano 2018, cando a cifra de risco de pobreza situábase en18,8%.

A poboación nesta situación na Galiza (20%) é moi similar ao dato rexistrado no Estado (20,7%). Ocupa o oitavo posto entre os territorios do Estado.

En canto á taxa Arope de risco de pobreza ou exclusión social (que se constrúe coa poboación que se atopa en risco de pobreza ou con carencia material ou con baixa intensidade no emprego), na Galiza sitúase no 24,3%.

Na Galiza 5,7% dos fogares ten moita dificultade para chegar a fin de mes. Ademais, segundo esta enquisa do INE, 26,3% das familias de Galza non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos e 4,8% recoñece atrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda.

Así mesmo, indica que 40,8% dos fogares galegos non pode permitirse ir de vacacións fóra de casa unha vez ao ano. Os ingresos medios anuais netos por persoa na Galiza situáronse en 11.218 euros, por baixo da media no Estado, que é de 11.680 euros.

Comentarios