Valoracións do preacordo

O PNV non compromete o seu apoio mais amosa satisfacción

«Responsábel e construtiva» será a posición do nacionalismo vasco ante o preacordo de Goberno alcanzado por Unidas Podemos e PSOE, segundo asegurou portavoz jeltzale no Congreso Aitor Esteban.

Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso (cedida)
photo_camera Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso (cedida)

Desde o Partido Nacionalista Vasco saudaron o principio de acordo alcanzado esta terza feira 12 de novembro entre Unidas Podemos e PSOE.

O portavoz jeltzale no Congreso, Aitor Esteban, lembrou que en reiteradas ocasións solicitaron desde o nacionalismo vasco que se chegase a un acordo entre ambas as dúas forzas estatais, e remarcou a «falta de responsabilidade» que tiveron UP e PSOE que abocou a novas eleccións.

Esteban non comprometeu aínda o voto do seu partido e pediu máis tempo para coñecer o contido e os compromisos de PSOE e Unidas Podemos antes de decantarse con máis claridade.

Fiel ao seu estilo, Esteban fixo nunha entrevista radiofónica unha brincadeira en relación á rapidez coa que agora se chegou a un acordo cando nos meses da anterior lexislatura semellaba imposíbel, e asegurou que «en España sempre é branco ou negro, pasamos de ‘O día da marmota’ a ‘Fast and furious’».

O PNV resultou vencedor o 10-N en Euskadi ao ser o máis votado e o único partido que subiu en escanos (EH Bildu tamén o fixo mais ao gañar representación en Nafarroa).

Comentarios