O PNV dá a luz verde aos orzamentos de Rajoy o mesmo día que pacta con Bildu o novo status para Euskadi

Nova mostra da ductilidade e do característico pragmatismo do partido de Ortuzar e Urkullu, capaz de chegar a acordos en Madrid co PP e en Euskadi con EH Bildu.

Asemblea Nacional do PNV
photo_camera Aspecto da última asemblea nacional do PNV

Os 5 votos do PNV no Congreso garanten a luz verde aos orzamentos de Rajoy e, na práctica, salvan a lexislatura do PP. O balón de oxíxeno a un partido acurrulado pola corrupción e co alento de Cs na caluga demoscópica non lle sae debalde á Moncloa, obrigada a pór sobre a mesa un incremento dos investimentos en Euskadi -que alcanzarán os 540 millóns de euros-, o impulso á alta velocidade vasca e un vantaxoso acordo sobre o cupo.

Na decisión do partido liderado pola dupla Andoni Ortuzar, presidente da formación, e Íñigo Urkullu, lehendakari, pesa tamén un argumento político, non explicitado: non aprobar os orzamentos agora sería tanto como deixar caer o goberno Rajoy e, portanto, abrir a autoestrada para a aterraxe de Albert Rivera na Moncloa. En Sabin Etxea (sede da formación jeltzale) teñen boas razóns para temer un goberno de Ciudadanos, partido que se ten expresado en múltiples ocasións contrario ao concerto económico vasco.

O problema para o PNV chámase 155. Aínda está en vigor e todo indica que veu para ficar, após o enésimo capítulo do confronto entre Madrid e Barcelona. A formación nacionalista condicionara o si aos orzamentos ao levantamento dun artigo que na práctica invalida o autogoberno catalán. O pinchacarneiro dialéctico co que agora xustifican a súa evidente rectificación resumiríase nesta idea: embora o 155 continúa vixente, está en camiño de pasar á mellor vida. O argumento é certamente dubidoso e desde logo non parece probábel que Rajoy outorgase nen a Ortuzar nen a Urkullu garantías dun movimento nesa dirección nos próximos meses, dada a presión que soporta o PP dun Ciudadanos cada día máis instalado nun españolismo con ribetes neo-falanxistas. En todo caso, e por meio dun comunicado, o PNV apelou ao seu lendario "pragmatismo" para explicar a súa mudanza de posición. É máis: o partido nacionalista alega que "lonxe de constituír un cheque en branco ao goberno do PP, esta decisión [o apoio aos orzamentos] permite ao PNV manter a súa capacidade de influencia política no Estado para contribuír para unha solución dialogada e acordada en Catalunya".

O problema para o PNV chámase 155. Aínda está en vigor e todo indica que veu para ficar, após o enésimo capítulo do confronto entre Madrid e Barcelona

Pragmatismo, si, mais tamén eclecticismo: o mesmo día en que anuncia o seu apoio aos orzamentos de Rajoy, o PNV aproba no Parlamento vasco o Limiar do Novo Status para Euskadi, un texto que expresa a vontade deste partido de superar o actual marco político, do que desde logo o PP é un acérrimo cancerbeiro.

Na cámara vasca a formación jeltzale procurou a alianza coa esquerda abertzale de EH Bildu, para darlle un empurrón a un texto en que se estabelece que "o Pobo Vasco é Nación" e que "Euskal Herria é un pobo con identidade propia", que se acha asentado "xeograficamente sobre sete territorios politicamente articulados en dous Estados europeus, o español e o francés, e tres ámbitos institucionais diferenciados".

O acordo sobre o Limiar do Novo Status tecérase tamén en primeira instancia con Elkarrekin Podemos -denominación do partido de Pablo Iglesias en Euskadi-, mais a pasada sexta feira a formación morada deu un paso atrás e desmarcouse do texto pactado, co argumento de que apresentaba unha excesiva carga ideolóxica soberanista.

Comentarios