O PNV aumenta a presión sobre Sánchez e di que polo de agora está no "non" á súa investidura

No que ten todo o aspecto de ser unha xogada táctica, a formación jeltzale envía un recado a Ferraz: equivócase o PSOE se dá por feito os 6 votos da formación liderada por Urkullu á investidura de Sánchez.

Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso (cedida)
photo_camera Aitor Esteban

Todas as contas dos estrategas socialistas pasan por considerar seguros os 6 escanos do PNV, sen os cales sería inviábel a investidura de Sánchez salvo que este, cousa moi pouco probábel, rachase con Unidas Podemos e conseguise in extremis un acordo con Ciudadanos.

En realidade, a lóxica política convida a pensar nunha certa reconstrución do bloque da moción de censura, a coalición de facto de distintas forzas progresistas e soberanistas que viabilizaron o desaloxo da Moncloa de Mariano Raxoi e a chegada de Pedro Sánchez á presidencia do Goberno.

O primeiro paso nesa dirección sería garantir o respaldo do PNV. Esta mesma cuarta feira, e na rolda de contactos previa á sesión de investidura, socialistas (o secretario de Organizacion, José Luis Ábalos) e jeltzales (o portavoz nacionalista no Congreso, Aitor Esteban) mantiveron un primeiro encontro e o titular da reunión é que o PNV estaría neste momento no "non" a Sánchez.

Un "non" con vocación de evolucionar e que moi ben podería tornarse nun "si" de asumir o PSOE algunhas das demandas do PNV. Ábalos e Esteban, de feito, quedaron en se volver ver co obxectivo de "explorar as posibilidades de avanzar cara un entendimento".

O PSOE non só está interesado nos 6 votos do PNV, senón tamén na mediación de Sabin Etxea para conseguir que, se fixer falta, os 7 parlamentares do PDeCAT se abstivesen na segunda volta da investidura e viabilizasen así a entronización de Sánchez.

Comentarios