Nova expulsión do Pleno de representantes da cultura

As protestas desde as bancadas por parte de integrantes da plataforma Cultura contra a mentira sucedéronse ao longo da comparecencia do conselleiro e mesmo pediron a súa demisión. Porén, foron expulsad@s do Pleno.

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, comparecía esta terza feira na sesión plenaria do Parlamento galego para debullar polo miúdo o "itinerario de accións e políticas" que deseña a Consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria para a presente lexislatura. O conselleiro anunciaba entre outras a posta en andamento do primeiro "decreto de desenvolvemento da lei de convivencia". A oposición critica a norma por, afirman, ter como obxectivo inocular a ideoloxía dereitista nas aulas. O conselleiro retruca estes ataques co argumento de que a norma visa pór fin a "comportamentos inadmisíbeis nas aulas".

Segundo o conselleiro, as liñas de traballo que seguirá a Xunta de Galiza en materia educativa --entre as que se atopa a aprobación da Lei de Universidade-- procuran facer do SUG un instrumento "máis competitivo" e implementar, dixo, "as necesarias transformacións" no ensino regrado adaptándoo, indicou, á reforma educativa prevista polo Executivo español e fortemente contestada nas rúas por estudantes, profesorado e oposición.

A oposición denunciou os recortes en ensino mentres o conselleiro se gabou dunha boa xestión na que dixo ter feito "máis con menos"

Porén, as bancadas dos grupos políticos de BNG, AGE e PSdeG ferveron en denuncias aos recortes que o goberno de Alberto Núñez Feijóo aplicou --e prevé aplicar-- no ensino regrado galego para alén, aseguraron, da privatización que boa parte das políticas da Xunta, dixeron, supoñen en materia educativa. A desaparición de unidades escolares e centros de ensino, a supresión de prazas docentes ou a suba das taxas universitarias foron algunhas das cuestións que centraron as interpelacións dos grupos da oposición que criticaron con dureza o "discurso de ensoño" no que semella ancorado Jesús Vázquez. "Calquera parecido coa realidade é unha casualidade", asegurou o deputado de AGE, David Fernández.

Cultura contra a mentira
Nas súas intervencións no plenario da Cámara, o responsábel de Educación e Ordenación Universitaria foi apupado até en tres ocasións por integrantes da platafoma Cultura contra a mentira que exixían a demisión dun goberno que condena á "morte cultural" á industria galega. "A cultura vai camiño da sepultura”, espetou o deputado do BNGa Cosme Pombo ao se referir ao recorte de 153 millóns que a consellaría de Jesús Vázquez prevé aplicar en tan só nun ano.

Integrantes de Cultura contra a mentira foron expulsad@s da Cámara por apuparen ao conselleiro e exixiren a demisión do goberno galego. Deputad@s de BNG e AGE púxeronse en pé no escano para se solidarizaren c@s manifestantes

A crise da industria cultural --fortemente denunciada polos grupos da oposición e as plataformas e colectivos das artes escénicas e musicais-- non recibiu nin unha soa explicación por parte do responsábel da Xunta de Galiza malia a que ducias de artistas representantes do sector se concentraban ás portas da Cámara galega. O conselleiro tampouco explicou os motivos da escolla de Jacobo Sutil como director da Agadic malia a que o mundo da cultura criticou con dureza que este non tivera nada a ver co espazo que a partir de agora deberá xestionar.

A pasividade amosada polo conselleiro perante a grave situación que atravesan a Rede de teatros, de música ao vivo e salas valeulle fortes apupos desde a tribuna de convidad@s e mesmo berros que exixían a súa demisión e a d@s demáis membros do executivo galego. Como mostra de rexeitamento ás políticas da Xunta de Galiza, representantes da plataforma Cultura contra a mentira erguéronse das súas cadeiras e negáronse a sentar malia as ordes de Miguel Santalices que exercía de presidente. "Senten, que é a postura normal nesta Cámara", conminounos o popular. Foi entón cando deputad@s de BNG e AGE puxéronse de pé en sinal de protesta perante exixencias de Santalices e como mostra de solidariedade cun sector que sofre a falta de recursos e compromiso político.

Comentarios