En pleno debate sobre o salario mínimo, Amancio Ortega ingresará este ano 1.386 millóns en dividendos

O Banco de España cargou esta cuarta feira contra a subida do salario mínimo pactada polo Goberno Sánchez con Unidos Podemos e as súas confluencias, entre elas En Marea. Ficaría situado en 900 euros en 2019. A autoridade bancaria alertaba sobre os efectos que o incremento podería ter na destrución de emprego. Sobre o incremento das rendas dos ricos non dixo nin chío. Por exemplo, o medre dos dividendos de Amancio Ortega.

Amancio Ortega
photo_camera Ortega

Arriba e abaixo. A economía funciona por parroquias. Vexamos.

Abaixo

O Goberno Sánchez e Unidos Podemos pactan o incremento do salario mínimo para o situar en 900 euros (neste momento está en 735, o aumento sería 22,3%). O acordo non é do agrado do gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, quen esta cuarta feira se empregou a fondo contra el na súa primeira comparencia perante o Congreso dos Deputados. 

O responsábel do supervisor financeiro dixo que o incremento do salario mínimo resultaría nun aumento do gasto público superior a tres puntos percentuais do PIB, por volta de 1.161 millóns de euros. A subida tamén foi criticada, en termos moi semellantes, polo FMI.

Para a autoridade bancaria española, a subida do salario mínimo terá como efecto máis prexudicial a destrución de empregos nos sectores de ocupación de menor produtividade e máis baixa cualificación profisional. Segundo as súas estimacións, porá en risco por volta de 156.000 empregos, ou sexa, arredor de 0,8 de toda a forza laboral (hai 19,5 millóns de persoas ocupadas) no conxunto do estado.

Arriba

En troca, o Banco de España non parece especialmente preocupado sobre os efectos negativos da extrema concentración de capital en poucas mans que se ten producido nos últimos anos. 

Destarte, ao día seguinte de Hernández de Cos mallar na subida do salario mínimo, sóubose por un despacho de axencias que Amancio Ortega ingresará este 2018 1.386 millóns de euros en dividendos, 693 dos cales xa os embolsou esta sexta feira.

Os dividendos son o produto da súa condición de accionista maioritario de Inditex, á compañía que el fundou e da que posúe 59,294% do accionariado.

En 2018 percibiu un total de 1.256 millóns de euros, isto é, 130 millóns de euros menos.  A taxa de incremento de ganancia dun ano para outro sitúase desta volta en 10,3 por cento.

O IRPF, mellor para o capital

Por cobro de dividendos tribútase en concepto de ganancias do capital no IRPF. No caso de Ortega, o imposto élle aplicábel no tipo máximo, 23 por cento. As rendas do traballo están máis gravadas neste imposto. O tipo máximo para os ingresos das e dos traballadores no IRPF está en 45 por cento.

Comentarios