A Deputación de Lugo pediu, cos votos a favor de PSOE e BNG, a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por considerala a responsábel de non dotar de novos servizos, como Hemodinámica as 24 horas, ao Hospital público da capital provincial (HULA) e así obrigar a doentes a longos desprazamentos.
A iniciativa partiu do grupo socialista, encabezado polo propio presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que así quixo amosar a oposición ás emendas que introduciu o PP na ILP para dotar de máis servizos ao HULA e que "desvirtuaron" a propia iniciativa, impulsada pola federación veciñal entre outros colectivos.
"A conselleira non quere nin sentarse connosco, é unha autista", protestan desde as asociación de veciñ@s
Precisamente, antes do Pleno case un centenar de veciñ@s, vari@s enfermos que teñen que realizar diariamente máis de 100 quilómetros para radiarse na Coruña, concentráronse ás portas do pazo provincial. Durante esta protesta, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, acusou á conselleira Mosquera de ser "unha autista e un auténtico muro". "Nunca se sentou connosco, nunca nos recibiu. É algo inaudito o desta señora", engadiu.
Durante a sesión, o BNG, a través do deputado Mario Outeiro, xustificou a petición de cesamento de Mosquera polo “atropelo e atentado" que supón a "deturpación", segundo dixo, da ILP coas seis emendas que introduciu o Partido Popular no Parlamento galego.