Unha plataforma suma apoios da Galiza ao proceso soberanista de Catalunya

Colectivos e organizacións sociais ademais de persoas a título individual suman apoios ao proceso soberanista desde a Plataforma Galiza con Catalunya que se presentou esta quinta feira en Compostela. O 11 de setembro un V na Praza da Quintana mostrará o apoio galego ao referendo catalán. 

Plataforma Galiza con Catalunya
photo_camera Plataforma Galiza con Catalunya

Quince organizacións sociais, políticas e sindicais do ámbito nacionalista ademais dun grupo de persoas forman parte do grupo inicial da Plataforma Galiza con Catalunya que sumará novas adhesións nas vindeiras semanas a través da súa páxina web galizaconcatalunya.org. 

A formación dun V simbólico o vindeiro 11 de setembro ás 19 horas na praza da Quintana de Compostela, ecoando o que se desenvolverá en Barcelona, será o primeiro acto simbólico que deixará á vista o apoio do nacionalismo galego ao proceso soberanista catalán. “Transmitimos a nosa solidariedade co pobo catalán e o noso apoio perante os entraves de todo tipo (xurídicos, políticos, mediáticos, policiais) que interpón o Estado Español. En particular, manifestamos o noso apoio expreso á celebración da consulta de 9 de novembro e o noso rexeitamento á prohibición da voz do pobo”, afirman no manifesto feito público na rolda de prensa e que se recolle íntegro na páxina de Galiza con Catalunya. 

Se avanzan en Catalunya, gañamos nós

Alén de animar á comunidade galego-catalá a participar no proceso, as persoas e colectivos asinantes defenden o dereito dos Países Cataláns a decidiren o seu propio futuro  “por un elemental sentimento de solidariedade con todos os pobos do mundo e co seu dereito á autodeterminación”, mais mostran tamén o interese no avanzo do proceso xa que o seu éxito redundará, segundo di, no propio beneficio do pobo galego camiño cara á un futuro soberano. “Se o Estado Español rompe por fin, todo estará aberto e en xogo de novo, a comezar polas liberdades nacionais de Galiza e Euskal Herria”, sinalan no seu manifesto. 

Agir, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Ceivar Organismo Popular Anti-Repressivo, Colectivo Nacionalista de Marín, Comités, Confederación Intersindical Galega, Frente Popular Galega, Galiza Nova, Isca!, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, NÓS-Unidade Popular, Partido Comunista do Pobo Galego, Siareir@s Galeg@s son as organizacións e colectivos que se sumaron de inicio á Plataforma apoiada tamén por asinantes individuais como a profesora Elvira Souto, escritores e escritoras como Lucía Novás, Rafa Villar, Teresa Moure, Séchu Sende ou Xurxo Souto; activistas en distintos ámbitos como Jano Costas, Alberte Mera, Eva Cortinhas, Lu Fandiño, Miguel R. Penas, Noa Presas, Óscar Valadares, Pilar Estévez ou Valentín Alvite; xornalistas como Xosé Mexuto, Maurício Castro ou Xiana Arias e sindicalistas como Suso Seixo. 

Comentarios