Cultura

O Plan de reactivación cultural da Xunta deixa de lado artistas e técnicas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, comparecía onte na deputación permanente do Parlamento para dar conta do Plan de reactivación dos dous sectores que lle competen, presentado nas últimas semanas. O tecido cultural expresa o seu descontento ante diversas eivas do texto, como a ausencia de medidas para artistas e técnicas e o predominio dos intereses turísticos a través do Xacobeo. 
Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo nunha representación de 'Curva España', de Chévere.
photo_camera Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo nunha representación de 'Curva España', de Chévere [Rede Nasa].

A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas da Galiza, e Proxecta, Asociación de Festivais Galegos de Cinema, foron os primeiros colectivos en expresar publicamente a súa preocupación e descontento ante o Plan de reactivación da cultura e o turismo presentado pola Xunta o pasado 5 de maio. Os seus comunicados recollen parte do malestar e decepción que se estende por todo o tecido cultural galego.

Non tardaron en sumar as súas denuncias a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, a Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (CCG) e, onte mesmo, a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos da Galiza (Aptega) e, cun comunicado conxunto, a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).

As protestas, centradas nas necesidades concretas de cada eido, responden á falta de concreción e aos "ocos" -en palabras do propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez- que deixa o documento. "Un plan faise cun decreto lei, non cun power point", denuncia Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega do Teatro, destacando o carácter do texto de "publicidade enganosa". As achegas económicas que se fan teñen máis a ver co turismo, a través do Xacobeo, que coa cultura.

"Un plan faise cun decreto lei, non cun power point", denuncia Eduardo Alonso

No caso das artes escénicas as medidas non inclúen "nada novo", senón modificacións de maior ou menor calado sobre convocatorias previamente existentes, que xa foran publicadas ou que quedaran pendentes, adiadas por mor da situación de emerxencia sanitaria. Aínda que se flexibilizan certos aspectos para adaptalos ao contexto actual, como parece obvio, "iso non é para nada reactivar", opina Alonso.

Nesta mesma liña maniféstase Sabela Mendoza, xestora cultural e investigadora no eido da danza, que sinala a confusión que crea o documento ao mesturar esas reformulacións con medidas novas "en apoio a unha reactivación que non é tal". Sobre todo nun terreo como a danza, o grande esquecido dun texto no que, se ben se menciona o Centro Dramático Galego, o seu homólogo Coreográfico non ten cabida.

Belén Bermejo, empresaria que vive da música, observa que o plan "fala do risco de feche de empresas e destrución de emprego, pero non contempla proxectos xa en marcha que non forman parte (porque tampouco foron convidados) do paquete Festgalicia". É o caso do Festival Espazos Sonoros, que se atopa actualmente nun "limbo", sen que a Administración se faga "cargo de nada", conta.

As persoas, desprotexidas

O enfoque do plan deixa ademais de lado as traballadoras dos distintos sectores culturais. Así o poñía de manifesto A Colectiva no comunicado emitido a pasada sexta feira a respecto da desprotección na que ficaban as profesionais das "artes plásticas", como as denomina o documento. Neste aspecto podemos observar o que se levou a cabo desde outras administracións. O Goberno de Euskadi, por exemplo, acordou, xa a mediados de abril, que as artistas afectadas pola parada de actividade recibisen axudas de até 70% dos seus ingresos medios.

O comunicado conxunto de CREA e AGAG reivindica: "O músculo da cultura audiovisual galega, xunto a grandes produtoras, son centos de axentes libres que confeccionan o tecido do noso traballo"

Se ben dentro do decreto estatal (que chegou "tarde, mal e arrastro", apunta Alonso) moitas profesionais poden atopar cobertura, este deixaría fóra quer as técnicas, que non se atopan incluídas dentro do réxime de artistas para o que se promoveron as axudas, quer aquelas autónomas que, por mor da intermitencia do traballo en sectores como o das artes vivas ou o cinema, non se atopaban de alta á chegada da pandemia. Así o manifesta o comunicado conxunto de CREA e AGAG: "O músculo da cultura audiovisual galega, xunto a grandes produtoras, son centos de axentes libres que confeccionan o tecido do noso traballo". Técnicas, actrices, directoras, guionistas... Delas nada se di.

Un plan consensuado?

Algúns sectores atópanse máis contentos ca outros cos resultados. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras e director de Kalandraka, declara que, logo das diversas reunións mantidas coas súas socias, así como coa Asociación de Escritoras e Escritores Galegos (AELG) ou coa Federación de Librarías, posteriormente trasladadas á Administración, as súas peticións foron en principio aceptadas.

"O ecosistema do libro depende da reactivación do mercado", engade Ballesteros

"Outra cousa é cando se van concretar", apunta, mais segundo expresou a Xunta farano dentro deste exercicio. "O ecosistema do libro depende da reactivación do mercado", engade Ballesteros, que entende que o apoio a librarías e editoras beneficia todas as profesións que rodean a cadea de valor. "Activar o consumo? Os nosos clientes son fundamentalmente institucións públicas, non particulares. Están elas dispostas a consumir máis, contratar máis concertos?", pregunta Bermejo, desde unha perspectiva ben diferente. As medidas da música céntranse, sobre todo, en ciclos vencellados ao Xacobeo.

Ballesteros, con todo, tamén observa eivas que no seu terreo teñen que ver coa ausencia das creadoras. Así o expresaba Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, na entrevista publicada onte nesta cabeceira: "Os escritores, como autónomos, poderemos acceder a un 'fondo para creadores culturais', de 1.500.000 euros, mais a realidade é que os escritores como tal somos invisíbeis".

Malia aludir a unha metodoloxía de grupos de traballo, no caso da danza a Plataforma de afectadas polo CCG "non foi chamada nin consultada", confirma Mendoza, o que lle fai sospeitar que a escolla de interlocutores foi bastante unilateral. Igualmente, Aptega alude á "falta de transparencia" do plan, "pois moitas das asociacións non foron informadas ou consultadas en ningún momento".

CREA e AGAG tamén denuncian que "nin se molestaron en preguntarnos cales eran as nosas necesidades. Sentóusenos á mesa cun menú fechado"

CREA e AGAG tamén denuncian que "nin se molestaron en preguntarnos cales eran as nosas necesidades. Sentóusenos á mesa cun menú fechado". Recóllese así unha liña de apoio á fase previa á produción audiovisual que non contou coa colaboración de guionistas. Doutra banda, de cara á reactivación das rodaxes na fase 1 "tampouco se reuniron con técnicos, directores, realizadores nin intérpretes para afrontar os protocolos de seguridade" -reclamación que subscribe Aptega- ou para "enfocar as axudas que o colectivo, máis aló de produtoras e empresarios, precise", advirten. Mais "sentarse a falar non implica consensuar", lembra Mendoza.

Doutra banda, as alusións á "formación e profesionalización" nun plan de axuda "nunha situación de emerxencia paréceme un insulto", di Bermejo. Mais Aptega, no seu ámbito concreto, insiste na necesidade de "programar accións formativas de carácter oficial", nun sector "no que hai moito intrusismo e pouca cualificación, sobre todo nos espectáculos públicos". Mais esta reivindicación responde a un problema estrutural máis profundo.

O Xacobeo como a terra prometida

Aínda que para a danza non se contemplan medidas específicas, enténdese que se poden acoller a algunhas das liñas de artes escénicas, en concreto a un fondo de 500.000 euros vencellado ao Xacobeo. Mendoza, ademais de escaso para o sector, considera problemático observar o evento como "feito cultural que canaliza a reactivación". "O plan está pensado para reforzar o Xacobeo", denuncia tamén Alonso,"é unha cortina de fume". Para Bermejo, o seu desenvolvemento non achega propostas axeitadas para paliar a situación derivada da  parálise, "senón máis ben todo o contrario, contribúe a atomizar e minguar un xa de por si feble sector".

Para Bermejo, o desenvolvemento do plan non achega propostas axeitadas para paliar a situación derivada da  parálise, "senón máis ben todo o contrario, contribúe a atomizar e minguar un xa de por si feble sector"

Neste senso, Mendoza observa que se ofrece unha visión moi nesgada do que é a cultura, desde un punto de vista produtivista e material no que as persoas non se teñen en conta, como piar fundamental que o sostén. Así, como destaca Bermejo, a cultura de base, coa representación fundamental do asociacionismo, está totalmente ausente.

Co foco en recuperar a actividade -cousa que, por outra banda, no caso das artes vivas ou a produción audiovisual non pode ser inmediata, senón que require tempos previos de ensaios ou adaptación de calendarios-, "non contempla que desde a nosa praxe podemos achegar reflexións sobre o tempo que estamos vivindo", sinala Mendoza. Bótanse en falta, xa que logo, axudas á creación e á investigación.

"Reprogramar como máxima é preocupante", fai fincapé, "acelerar non é a forma máis doada de axudarnos a continuar e sobrevivir do noso traballo". Coa vista no futuro, Bermejo observa o dixital como paliativo, máis o obxectivo é volver aos palcos: "queremos barallar escenarios posíbeis en medio da pandemia tamén para a música ao vivo, como xa se está facendo noutros países".

Comentarios